Allariz convértese este mércores no epicentro da cultura galega coa celebración do Día das Artes Galegas 2026

OurenseXa
O acto central, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración co Concello, terá lugar na Casa da Cultura e estará dedicado ao fotógrafo alaricano José Suárez
jose-suarez
José Suárez
31 Mar 2026

O Concello de Allariz será o escenario do acto con motivo do Día das Artes Galegas 2026, unha celebración dedicada ao fotógrafo alaricano José Suárez e que terá lugar este mércores 1 de abril ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Allariz, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración co propio Concello de Allariz.

A xornada supón unha oportunidade para render homenaxe á traxectoria e legado de José Suárez, figura clave da fotografía galega do século XX, así como para poñer en valor a súa achega ao ámbito artístico e cultural galego. A entrada será libre ata completar o aforo, polo que se recomenda acudir con antelación para garantir o acceso.

A Academia decidiu concederlle o galardón deste ano polos seus numerosos méritos, destacando que é considerado o fotógrafo galego máis internacional. José Suárez foi licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca e desenvolveu unha carreira como fotógrafo e cineasta. Foi amigo de Miguel de Unamuno, que prologou o seu libro “50 fotos de Salamanca”. Influenciado polo pensamento da “Revista de Occidente” e polas ideas artísticas das vangardas, expuxo en París e Madrid en 1935.

En 1936 comezou a rodar o documental “Mariñeiros”, que foi interrompido polo golpe de Estado. En 1937 exiliouse na Arxentina, onde traballou como realizador e director de fotografía en varios filmes, incluíndo a dirección de “La mujer y el jockey” en 1938. En 1942 foi premiado pola fotografía do filme “Malambo” e traballou como fotógrafo no xornal “La Prensa” de Bos Aires.

Desde 1950 viviu en Uruguai, onde dirixiu a libraría “El yelmo de Mambrino”. En 1956 viaxou a Xapón como correspondente de prensa, onde se interesou pola cultura nipona e o teatro clásico “Noh”. Alí coñeceu ao director Akira Kurosawa, con quen mantivo unha boa amizade. Colaborou con revistas como “Life”, “US Camera”, “Vida gallega”, “Galicia emigrante”, “Atalaya”, “Ahora” e “Cinegraf”.

En 1959 regresou a España, onde publicou libros sobre “La Mancha” e o mundo dos touros para unha editorial inglesa. Tamén ilustrou parte da “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo. Desde 1971 participou en tertulias no hotel Miño de Ourense, sendo moi querido por escritores como Carlos Casares e o grupo dos “artistiñas”.

Entre as súas publicacións destacan “50 fotos de Salamanca” (1932), “Nieve en la cordillera” (1942), “La Mancha” (1965), “The Life and Death of the Fighting Bull” (1966) e “Galicia: terra, mar e xentes”. Foi director dos filmes “Mariñeiros” e “La mujer y el jockey”, ademais de director de fotografía en “Malambo”.

0.12332010269165