Aprobada por unanimidade unha declaración institucional na Deputación para recoñecer o Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática

OurenseXa
A iniciativa, promovida polo PSdeG de Ourese, pretende dignificar un dos espazos con maior represión documentada en Galicia durante a ditadura franquista
campo-de-aragon-concello-ourense
Campo de Aragón
1 Dec 2025

A Xunta de Portavoces da Deputación de Ourense aprobou este luns por unanimidade unha declaración institucional para solicitar ao Goberno de España o recoñecemento oficial do Campo de Aragón como Lugar de Memoria Democrática. A proposta, impulsada polo Grupo Provincial Socialista, busca dignificar un dos espazos con maior represión documentada en Galicia durante a ditadura franquista.

O voceiro socialista e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, subliñou a importancia histórica e moral deste acordo. “Estamos a falar dun dos lugares máis significativos da represión franquista en Galicia, un espazo que forma parte dunha memoria colectiva que non pode ser esquecida nin silenciada”, afirmou tras a aprobación do texto.

Segundo os datos recompilados polo proxecto Nomes e Voces, desenvolvido polas tres universidades galegas, no Campo de Aragón foron fusiladas polo menos 119 persoas, unha cifra que se eleva a 133 segundo o historiador Julio Prada na súa obra Ourense 1936-1939: alzamento, guerra e represión. Este número sitúa o lugar entre os máis afectados pola violencia da época.

Vila lembrou que a Lei de Memoria Democrática define como Lugar de Memoria Democrática aqueles espazos nos que se produciron feitos de relevancia na defensa da liberdade e dos dereitos humanos. Neste sentido, destacou que “preto de 6.000 persoas perderon a vida en Galicia como consecuencia da represión franquista”.

O Campo de Aragón, situado no antigo cuartel de San Francisco e hoxe integrado no espazo que alberga o Auditorio Municipal, a Biblioteca Pública, o Edificio de Artes Escénicas Manuel Suárez Castro e o Arquivo Histórico Municipal, é, segundo Vila, “unha testemuña física en Ourense dunha época de terror e violencia política que a sociedade democrática ten o deber moral de non esquecer”.

A declaración institucional recolle tres peticións principais: solicitar ao Goberno de España a declaración formal do espazo como Lugar de Memoria Democrática; promover a instalación dunha placa que lembre as persoas detidas, maltratadas e executadas neste punto; e reafirmar o compromiso da Deputación coa memoria democrática como valor común.

Para Vila, “a memoria democrática non é unha cuestión do pasado, senón unha responsabilidade do presente que condiciona o noso futuro como sociedade”. O portavoz destacou tamén que este recoñecemento “ten unha dimensión ética, pedagóxica e política que transcende as lóxicas partidarias”, engadindo que “falar de memoria democrática é falar de xustiza, de verdade e de reparación para as vítimas e as súas familias”.

O dirixente socialista concluíu salientando a importancia da sinalización do lugar: “As persoas executadas no Campo de Aragón loitaron pola democracia e polas liberdades das que hoxe gozamos, e merecen ser recordadas coa dignidade que lles foi negada durante tanto tempo”. Engadiu ademais que este elemento terá unha clara función educativa para as xeracións futuras.

⚙ Configurar cookies
0.078027963638306