O PSdeG-PSOE de Ourense celebrará este venres en Allariz a súa V Xuntanza Socialista provincial

OurenseXa
O encontro reunirá a militantes e cargos do partido nunha cita centrada na reflexión política, a convivencia e o fortalecemento do proxecto socialista
xuntanza-socialista-ourense-2026
20 May 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense celebrará este venres 22 de maio en Allariz a quinta edición da Xuntanza Socialista de Ourense, un encontro que reunirá a militantes, cargos orgánicos e representantes institucionais chegados de diferentes puntos da provincia.

O acto desenvolverase a partir das 20.00 horas no Hotel Eurostars Vila de Allariz e contará coa participación de distintos responsables políticos e orgánicos da formación. Entre os asistentes previstos atópanse o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López.

A programación incluirá tamén intervencións de representantes socialistas da provincia, a entrega dos Premios ConMemora 2026 e unha cea de confraternidade entre militantes e simpatizantes.

Desde a dirección provincial explican que esta nova edición “servirá para seguir fortalecendo os lazos entre a militancia, compartir proxecto político e continuar construíndo unha alternativa progresista sólida para a provincia de Ourense”. Na mesma liña, sinalan que a xuntanza “é xa un símbolo de identidade colectiva do socialismo ourensán e un espazo para compartir memoria, presente e futuro”.

A iniciativa, que se celebra de maneira itinerante desde 2022, pasou xa por municipios como A Peroxa, Maceda, Lobios ou Santa Cruz de Arrabaldo. Ao longo destes anos, o encontro consolidouse como unha cita anual do socialismo provincial centrada no debate político e na reflexión sobre os retos sociais e democráticos.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense destacan ademais que a celebración desta edición en Allariz “amosa a vitalidade dunha organización viva, activa e comprometida coa defensa dos servizos públicos, da igualdade, do municipalismo e do progreso da provincia”.

0.13011503219604