O Pleno da Deputación aproba ampliar os prazos para sete futuras residencias de maiores na provincia

OurenseXa
A decisión afecta aos centros da Teixeira, Laza, Os Blancos, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambía e A Gudiña
pleno-dep-ourense
19 Dec 2025

O Pleno da Deputación de Ourense, na súa última sesión do ano, aprobou unha ampliación do prazo de xustificación das obras das sete residencias de maiores que se están a construír en distintos concellos da provincia. Estes centros, situados na Teixeira, Laza, Os Blancos, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambía e A Gudiña, forman parte do Plan de Investimentos para Equipamentos Sociais impulsado pola Xunta de Galicia, co apoio da institución provincial.

A nova data límite para xustificar as obras fíxase no 30 de xuño de 2026. A Deputación cofinancia estes proxectos con preto de 1,5 millóns de euros nas anualidades de 2024 e 2025, asumindo a achega municipal, con excepcións como A Teixeira, que tamén contribúe con fondos propios, e Trasmiras, que incorpora financiamento privado. O plan autonómico conta cun orzamento global de 14 millóns de euros e permitirá crear 375 prazas para persoas maiores en 16 concellos.

Na mesma sesión, a Corporación provincial deu luz verde á adhesión da Deputación ao convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para impulsar a administración dixital. Este acordo facilitará ás entidades locais o acceso a plataformas tecnolóxicas, infraestruturas e servizos comúns, especialmente en ámbitos como a seguridade da información, a protección de datos e a xestión do territorio.

Tamén se aprobou de maneira definitiva o programa de colaboración coas entidades locais para a xestión do ciclo da auga de cara a 2026. O plan inclúe novas actuacións ligadas ao proxecto Ou-Intelixente, como a instalación de arredor de 65.000 contadores dixitais con telelectura e a dixitalización de estacións potabilizadoras e depuradoras. Ademais, ratificáronse as bases do Programa Especial de Cooperación co Concello de Ourense para o período 2025-2026, cunha achega provincial de 139.500 euros.

O Pleno aprobou igualmente unha moción para reclamar ao Goberno de España melloras no servizo de Correos na provincia, solicitando a paralización do peche de oficinas, a recuperación de días de reparto no rural e a cobertura das prazas vacantes, así como a defensa do carácter público da empresa.

Por último, acordouse por unanimidade a creación dun grupo de traballo, integrado por todos os grupos políticos da Deputación, que analizará a localización definitiva da futura delegación provincial na comarca de Valdeorras. Este órgano estudará tanto a sede máis axeitada como os servizos que se poderían prestar, así como a situación do edificio do antigo mercado da Rúa, rehabilitado pola Deputación en 2022. Actualmente, a institución conta cunha sede provisional na Casa Grande de Viloira, grazas a un convenio coa Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.085286855697632