106 alumnos de ciclo medio de TCAE inician as súas prácticas na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

OurenseXa
No Hospital Universitario de Ourense incorporaranse 88 alumnos procedentes de centros como o CIFP A Carballeira-Marcos Valcarcel ou o CPR San Martín
O CHUO da a benvida aos alumnos de ciclo medio de TCAE
10 Sep 2024

Un total de cento seis alumnos dan comezo a súa etapa de formación en centros de traballo (FCT) na Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras do iniciando o seu período de prácticas de ciclo medio de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE).

Este amplo grupo de alumnos foi recibido pola Directora de Enfermaría da Área Sanitaria, Josefa Rodríguez Araujo, a Supervisora da Área de Formación, Esther Pérez Álvarez, e a coordinadora dos técnicos de Grao Medio, Montserrat Seijas Rodríguez, que lles deron a benvida á que será o seu novo centro de traballo para desenvolver as súas prácticas ata finais de decembro do presente ano.

O grupo está formado por alumnos dos distintos centros Ourense, doutras provincias da Comunidade Autónoma, e algún proveniente doutros centros de España. O período de prácticas é por norma xeral de 440 horas de duración; hai unha pequena porcentaxe do alumnado que só realiza 220 horas ou 180 horas. O alumnado realizará as prácticas nos tres centros hospitalarios da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

No Hospital Universitario de Ourense incorporaranse 88 alumnos/as procedentes de CIFP A Carballeira-Marcos Valcarcel, en todas as súas modalidades (Adulto, Dual, Ordinario), CPR San Martín, Escola Santo Cristo de Ourense, EFA A Cancela de Pontevedra e da Escola de Ciencias Sociais e da Saúde de Madrid, que rotarán polos distintos servizos e unidades do CHUO.

No Hospital Público de Valdeorras incorpóranse oito alumnos/as que realizarán as prácticas no período do 9 de setembro ao 16 de decembro procedentes do IES Loureiro Olmo. No Hospital Público de Verín incorporaranse 10 alumnos/as procedentes de IES García Barbón cuxa incorporación será o día 16 de setembro e finalizarán o día 13 de decembro.

O obxectivo principal é formar ao alumnado para a adquisición de coñecementos e habilidades necesarias para o bo desempeño das funcións que realizarán como TCAE. Para iso é necesario que o alumnado coñeza o funcionamento do hospital nas distintas unidades ou servizos, pasando durante o período de prácticas por polo menos dúas unidades ou diferentes servizos. Resulta fundamental o paso polas unidades de hospitalización onde aprenderán as funcións básicas do TCAE como son a realización do aseo, a mobilización dos pacientes segundo as súas patoloxías, a alimentación dos pacientes, coñecer os síntomas ou signos de alarma, adquirir os conceptos avanzados en canto ás técnicas de traballo ou a educación familiar e comunitaria, entre outras moitas. Nos servizos onde existen distintos departamentos rotarán por todos e cada un de eles co obxectivo de adquirir os coñecementos necesarios para o bo funcionamento dos mesmos.

O alumnado tamén recibirá formación por parte da U.P.R.L. do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública sobre a prevención de riscos laborais, resíduos, illamentos, colocación e retirada dos equipos de protección individual (EPIs) e a importancia da correcta hixiene de mans no persoal sanitario antes e despois do contacto co paciente ou nas súas tarefas habituais.

Tamén as unidades administrativas do Servizo de Persoal no departamento do Expediente-e impartirán formación de como deben acceder ao seu expediente electrónico, os procedementos para a súa inclusión nas listas de contratación, como anexar os cursos ou formación ou como realizar a actualización de méritos ou outro tipo de formación complementaria.

Está previsto que no vindeiro mes de outubro incorpórense os alumnos do ciclo medio de Farmacia e Parafarmacia cun período formativo de 410 horas que tamén rematará a finais do mes de decembro.

0.1872820854187