130 escolares participaron este martes na XIII Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’

OurenseXa
Ao longo da xornada, o alumnado gozou dun completo programa de actividades que combinou visitas culturais, teatro, poesía e momentos de lecer
xuntanza-centros-curros-enriquez-celanova
XIII Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’
21 May 2025

Celanova foi onte, 20 de maio, o punto de encontro de máis de 130 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria procedentes de centros educativos galegos que levan o nome de Manuel Curros Enríquez. A vila natal do poeta acolleu a XIII Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’, unha iniciativa promovida pola Fundación Curros Enríquez coa colaboración do Concello de Celanova, que ten como obxectivo reforzar os lazos entre estes colexios e dar a coñecer o legado do autor.

Nesta edición participaron o CEIP Curros Enríquez da Coruña, o CEIP Curros Enríquez de Celanova (Ourense) e o CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén (Pontevedra). Ao longo da xornada, o alumnado gozou dun completo programa de actividades que combinou visitas culturais, teatro, poesía e momentos de lecer.

A mañá comezou arredor das 10:00 coa chegada do alumnado de Ourense, que realizou unha visita ao xacemento castrexo de Castromao. A partir das 11:00 fóronse incorporando os demais grupos, que compartiron unha merenda na Praza Maior antes de visitar a Casa dos Poetas e o Mosteiro de San Salvador.

Ás 13:00 celebrouse un acto institucional no refectorio do mosteiro, que incluíu unha representación teatral a cargo da compañía La Griotte, recoñecida pola súa peza baseada en O Divino Sainete e polo monicreque xigante que representa ao propio Curros Enríquez. Durante o acto, o alcalde de Celanova e presidente da Fundación deu a benvida oficial aos centros participantes.

Posteriormente, os escolares desprazáronse ao CEIP Curros Enríquez de Celanova para conmemorar o 50 aniversario do centro. Alí, o alumnado de 6º de Primaria recitou poemas do autor antes de compartir un xantar de confraternización na carballeira situada detrás do colexio —ou, debido á posibilidade de choiva, nas instalacións do centro.

Xa pola tarde, arredor das 15:30 horas, a comitiva desprazouse ata Vilanova dos Infantes, onde visitaron a torre da homenaxe e a Cova de San Vivián, sede do centro etnográfico dos zapateiros. Foi alí onde os grupos de Pazos de Borbén e Ourense se despediron, mentres que o alumnado da Coruña realizou unha última parada en Castromao antes de poñer fin á xornada.

Un ano máis, a Xornada de Convivencia ‘Curros Enríquez’ reafirmou o seu compromiso coa difusión da figura e obra do poeta celanovés, promovendo o contacto e a colaboración entre centros educativos de distintas zonas de Galicia que comparten o seu nome e a súa memoria.

⚙ Configurar cookies
0.20560908317566