A AECC de Ourense recibe un cheque por valor de 2.600 grazas ao traballo das persoas voluntarias do Espazo +60

OurenseXa
Durante todo o ano, 36 persoas voluntarias de Ourense participaron nun obradoiro no que elaboraron produtos de artesanía que foron vendidos a través da súa tenda solidaria para recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC)
voluntarios-espazo-+60-ourense--cheque-aecc
11 Feb 2026

O Espazo +60 Afundación de Ourense entregou esta tarde un cheque solidario por valor de 2.600 euros á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa recadación obtida na súa tenda solidaria, grazas á venda de produtos de artesanía elaborados por socias voluntarias do Espazo +60 que participan durante todo o ano no obradoiro solidario.

O acto de entrega tivo lugar no propio Espazo +60 e contou coa presenza da coordinadora do Espazo +60 Afundación de Ourense, Jennifer Chamadoira Domínguez, e do presidente da AECC Ourense, Germán Rodríguez Saa, que estiveron acompañados polas persoas participantes no obradoiro.

Durante todo o ano, 36 persoas voluntarias de Ourense comparten horas, coñecementos e aprendizaxes no obradoiro do Espazo +60 de Afundación. Elaboran artesanalmente manteles, colares, neceseres, mandís e produtos de Nadal, entre outros. Ademais, colaboran co Complexo Hospitalario de Ourense entregando almofadas en forma de corazón para pacientes operadas de cancro de mama, manguitos para nenas e nenos hospitalizados e almofadas de lactación.

En moitos casos, os produtos realízanse dando unha segunda vida a materiais procedentes de prendas ou outros obxectos usados. Entre os meses de maio e decembro, as voluntarias promoven unha tenda solidaria para recadar fondos en beneficio da delegación ourensá da AECC.

Sobre as almofadas solidarias, Chamadoira Domínguez destacou: “O deseño en forma de V das almofadas ten innumerables vantaxes: entre elas, evitar o roce do brazo e da ferida posterior á cirurxía, facilitar o descanso ou protexer a zona do corpo que se está a recuperar”. Esta iniciativa forma parte dun programa iniciado en 2001 nos Estados Unidos e que desde ese ano colabora en Ourense coa AECC. Posteriormente, a axuda estendeuse tamén a Verín e O Barco de Valdeorras.

O obradoiro, chamado «Obradoiro de Reciclaxe e Solidario», utiliza materiais reciclados como teas, fíos ou botóns, implicando ás persoas socias do Espazo +60 na recollida destes elementos. Esta actividade ten como finalidade fomentar hábitos de reciclaxe, creatividade, imaxinación e solidariedade, formando parte do programa «O valor da experiencia» da área de Maiores de Afundación, que busca potenciar o papel activo das persoas maiores na sociedade mediante actividades de voluntariado interxeracional, cultural, educativo, social, comunitario e ambiental.

O obradoiro solidario de Ourense é o máis antigo promovido por Afundación, nacido en 1998. Durante os seus primeiros anos, os fondos recadados apoiaron aos misioneiros ourensáns da Misión de Jipijapa en Ecuador. Desde 2001, os fondos destinanse á Asociación Contra o Cancro en Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.086709022521973