A ampliación do CEIP Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar contará cun investimento de preto de 2 millóns de euros

OurenseXa
Os traballos abarcará unha superficie máis de 1.300 m2 e comezarán, previsiblemente, en xaneiro de 2026
presenttacion-ampliacion-ben-cho-shey
13 Sep 2025

O Colexio Plurilingüe Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar será ampliado cun investimento de case 2 millóns de euros e forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta de Galicia. O centro ampliarase en máis de 1.300 metros cadrados para dispoñer de novas aulas, biblioteca, comedor e outros espazos de uso común. O proxecto conta
A previsión é que as obras comecen en xaneiro de 2026, cun prazo de execución de dez meses, de maneira que estean rematadas a finais dese ano.

A intervención ten un orzamento de preto de 2 millóns de euros e engádese ás melloras sectoriais xa acometidas no centro, como a ampliación realizada en 2013 (470.000 euros) e outras reformas con orzamento de 300.000 euros.

A previsión é comezar esta nova actuación en xaneiro de 2026, cun prazo de execución de 10 meses, de forma que estea rematada para finais dese ano.

No semisoto crearase un patio cuberto para o alumnado de Infantil cun novo núcleo de aseos que dea servizo a esta zona. Na planta baixa incorporaranse unha nova aula de Educación Infantil, a biblioteca e un local para a asociación de nais e pais. No primeiro andar habilitaranse unha nova aula de Educación Primaria, tres aulas de desdobre e un Polo Creativo.

Tamén se realizarán reformas na distribución interior do edificio existente co obxectivo de mellorar determinados espazos de escasa superficie, ampliando a área de comedor, os núcleos de aseos da planta baixa e primeira e a sala de profesorado. O arquivo trasladarase a un local de maior superficie na planta baixa. Na zona de acceso ao centro proxéctase unha pérgola cuberta e tamén se farán melloras nos sistemas de extinción de incendios, eléctrico e de ventilación.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou na presentación do proxecto e destacou que se trata dunha nova obra dentro do “amplo programa de ampliacións e construcións de novos centros que a Xunta ten en marcha ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica”.

No mesmo concello do Pereiro de Aguiar está previsto tamén construír un novo instituto público, o primeiro da localidade. O proxecto está en redacción e prevese que dispoña de máis de 4.500 metros cadrados e 380 prazas para ESO e Bacharelato, evitando que o alumnado do concello se teña que desprazar a Ourense para cursar estas ensinanzas. “É máis, Ourense é a única provincia na que se constrúen dous edificios educativos completamente novos, o instituto que xa temos proxectado neste concello e o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, inaugurado en 2022”, puntualizou Román Rodríguez.

Das 52 actuacións previstas neste programa —catro novos centros e 48 ampliacións—, unha ducia desenvolverase na provincia de Ourense, cun investimento de máis de 32 millóns de euros. Dentro destas, ademais da ampliación do Ben-Cho-Shey, figuran obras xa rematadas como o CEIP de Prácticas (123.000 euros), o IES Xesús Ferro Couselo (2,7 millóns de euros) e o CIFP de Vilamarín (800.000 euros), e actuacións en execución como o CEIP Padre Crespo (355.000 euros), o IES Manuel Chamoso Lamas (2,4 millóns de euros) e o IES Eduardo Blanco Amor (1 millón de euros). Tamén están programadas a ampliación do CEIP Plurilingüe Inmaculada (1,2 millóns de euros), o CIFP A Farixa (1 millón de euros), o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (1,6 millóns de euros) e a construción do novo instituto do Pereiro de Aguiar (9,5 millóns de euros).

⚙ Configurar cookies
0.12974405288696