A Área Sanitaria de Ourense incorpora 18 novos estudantes de MIR

OurenseXa
Durante 29 semanas, os estudantes rotarán polos distintos servizos hospitalarios e de atención primaria da provincia
benvida-mir-ourense
8 Sep 2025

Este luns, 8 de setembro, o Hospital Universitario de Ourense e os centros de Atención Primaria da provincia deron a benvida a dezaoito estudantes de sexto curso de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, que elixiron a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras para realizar o seu rotatorio, as prácticas clínicas finais antes da súa graduación.

Durante estas prácticas, coñecidas como MIR-0, os estudantes rotarán polos distintos servizos hospitalarios e de atención primaria durante 29 semanas, acompañados por titores que supervisarán a súa formación e avaliarán o seu desempeño. Ao finalizar cada rotación, os alumnos realizarán un exame de casos clínicos.

O obxectivo destas rotacións é que os estudantes adquiran as competencias necesarias para exercer a medicina de maneira autónoma, desenvolvendo habilidades clínicas e manuais, capacidade de diagnóstico, xuízo clínico e prescrición racional de tratamentos, así como competencias en aspectos psicolóxicos e sociais do paciente, comunicación e ética profesional.

Na área médica, os estudantes poden rotar por Cardioloxía, Oncoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Dixestivo, Nefroloxía, Reumatoloxía, Endocrinoloxía, Medicina Interna ou Medicina Intensiva, con estanza en ao menos tres destes servizos durante un mínimo de tres semanas. Igualmente, a rotación de Urxencias inclúe a realización de prácticas tanto nos servizos de urxencias hospitalarios como nos Puntos de Atención Continuada de Atención Primaria.

A rotación en Medicina de Familia e Comunitaria faise en Ourense, nos centros de saúde acreditados para docencia, coa vantaxe que ofrece a nosa Área Sanitaria ao dispoñer de centros docentes no medio rural, como o de Leiro, o que permite aos estudantes coñecer de primeira man o núcleo mesmo da atención primaria, así como os atractivos dunha práctica clínica de proximidade, resolutiva e ligada á comunidade. Un valor crecente, que as sociedades médicas demandan para dar visibilidade á esencia e aos valores desta especialidade e promover, mediante o coñecemento, a súa elección por parte dos futuros MIR.

Nesta edición, o 70 % dos estudantes son mulleres e proceden de distintas provincias, sendo a máis representada Málaga, seguida de Xaén, León, A Coruña, Pontevedra e Lugo, ademais dun alumno procedente de Honduras.

⚙ Configurar cookies
0.17678594589233