A Área Sanitaria de Ourense incorporará un protocolo pioneiro para a atención aos pacientes con politraumatismos

O Salon de Docencia Cabaleiro Goás do Hospital Universitario de Ourense acolleu esta mañá unha reunión informativa sobre o novo “Código Trauma”, un protocolo pioneiro que ven de ser aprobado polo Servizo Galego de Saúde para a atención ao paciente politraumatizado e que será implantado este mesmo ano na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.
O obxectivo deste novo código é mellorar a atención ás persoas vítimas dun traumatismo grave, reducindo os tempos de resposta e aumentando a coordinación entre todos os servizos e profesionais implicados nesta atención urxente.
Durante a sesión, a que estiveron convocados os profesionais sanitarios, interviron parte dos integrantes do grupo de traballo, encargado do desenvolvemento e implantación deste código na provincia, entre eles Ana Pastor, directora dos cursos nacionais e europeos de atención ao trauma grave (ATLS e ETC); Leticia Gómez, do Servizo de Anestesia e Reanimación e instrutora ATLS; e Pablo Antolín, médico do Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense.
Os tres destacaron a importancia da posta en marcha dun protocolo estruturado e rigoroso, que permitirá actuar con maior eficacia nos casos de trauma grave, especialmente durante a chamada “hora de ouro”, na que unha atención precoz pode marcar a diferenza entre a vida e a morte. O Código Trauma establece unha serie de criterios fisiolóxicos, anatómicos e mecánicos que permiten a súa activación inmediata, desde o momento do accidente ou do ingreso no hospital.
Cómpre destacar que a Área Sanitaria conta cunha sólida experiencia na formación sobre a atención ao paciente con traumatismo grave, grazas á celebración regular en Ourense, con dúas edicións anuais desde hai vinte anos, do curso ATLS (Advanced Trauma Life Support), do American College of Surgeons de estandarización da atención inicial ao trauma. Recoñecido a nivel mundial como un protocolo clave para a atención inicial ao paciente politraumatizado.
Ourense tamén acolle edicións do ETC (European Trauma Course) cun limitado número de sedes a nivel europeo. Organizado polo European Resuscitation Council (ERC), European Society for Trauma and Emergency Surgery (ESTES), entre outras entidades europeas, e gaña recoñecemento de ano en ano polo seu enfoque multidisciplinar.
O Hospital Universitario de Ourense é un dos referentes nacionais na organización destes cursos, cun cadro de instrutores recoñecido e cunha participación activa de profesionais de distintas especialidades. Esta traxectoria formativa sitúa Ourense nunha posición óptima para asumir a implantación deste novo código con garantías de éxito.
Grazas a esta nova ferramenta de coordinación de recursos e profesionais, o Sergas quere garantir unha resposta sanitaria rápida e multidisciplinar, que comeza xa no ámbito extrahospitalario desde Atención Primaria ao 061 e continúa definindo o papel de cada servizo no hospital de referencia.
Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras a posta en marcha deste código implica directamente a coordinación dos servizos de Urxencias, Atención Primaria, 061, Traumatoloxía, Cirurxía Xeral, Anestesia e Reanimación, Pediatría, Radiodiagnóstico e Banco de Sangue, que recibirán formación específica sobre o protocolo, e o papel de cada profesional, para asegurar unha resposta coordinada, homoxénea e eficaz.