A Área Sanitaria de Ourense organiza un Videoforum para previr o suicidio a través do debate e a arte

OurenseXa
Contará coa proxección do curtometraxe “Cruel”, dirixido por Martín Ares e producido por Pablo Oliveira, alumnos de 2º do Grao Superior de Producción de Audiovisuais e Espectáculos no CIFP A Farixa de Ourense
novo-paseo-verde-chuo
9 Sep 2025

Con motivo da conmemoración mañá do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras organiza hoxe un videoforum aberto ao debate, en liña coa campaña global da Organización Mundial da Saúde “Cambiando a Narrativa do Suicidio”, que promove conversas abertas, empáticas e informadas sobre este tema.

O videoforum contará coa proxección do curtometraxe “Cruel”, dirixido por Martín Ares e producido por Pablo Oliveira, alumnos de 2º do Grao Superior de Producción de Audiovisuais e Espectáculos no CIFP A Farixa de Ourense. A obra aborda de forma directa, sensible e respectuosa a depresión e o suicidio, e servirá de punto de partida para un debate multidisciplinar.

A participación dos mozos realizadores e doutros alumnos de A Farixa enriquecerá a discusión xunto con profesionais de saúde mental, traballo social, estudantes de medicina e enfermaría, e residentes en formación. A xefa do Servizo de Psiquiatría, María Tajes, moderará o coloquio, no que tamén intervirán o director e o produtor do curtometraxe.

O obxectivo do encontro é sensibilizar aos profesionais sobre o suicidio e os recursos de intervención dispoñibles, fomentando unha cultura de atención temperá e diálogo aberto na práctica diaria. A proxección e o debate permiten abordar un tema complexo a través da arte e do intercambio de experiencias, especialmente centradas no traballo en equipo e no acceso precoz a axuda profesional.

Segundo datos de 2023, Galicia presenta unha das taxas de suicidio máis altas de España, con 11,37 por cada 100.000 habitantes, situándose historicamente xunto con Asturias e Canarias como as comunidades con maiores cifras. A nivel nacional, os suicidios consumados son unha das principais causas de mortalidade non natural. Desde a pandemia, observouse un aumento dos intentos autolíticos entre adolescentes, grupo especialmente vulnerable, con factores de risco como depresión, trastornos do ánimo ou síntomas psicóticos. Os intentos de suicidio son entre 10 e 20 veces máis frecuentes que os suicidios consumados, especialmente en mulleres e persoas novas.

A OMS recomenda a implementación do programa LIVE-LIFE ou “Vivir a Vida”, que inclúe catro intervencións baseadas en evidencia: reducir o acceso a medios letais, promover comunicación responsable nos medios, fomentar habilidades socioemocionais nos adolescentes e identificar, xestionar e facer seguimento de condutas suicidas.

A área sanitaria de Ourense conta cun longo percorrido en prevención, destacando a primeira Unidade específica de Prevención do Suicidio creada a nivel nacional en 2008. O Programa de Intervención Intensiva (PII) en Conduta Suicida acumula anos de experiencia, reforzada en 2020 coa creación dunha unidade de prevención infanto-xuvenil, formada por unha psiquiatra, unha enfermeira e unha psicóloga, apoiadas por unha traballadora social e vinculadas á unidade de saúde mental infanto-xuvenil.

A nivel social, algunhas pautas básicas para apoiar a persoas en risco inclúen: non deixalas soas, acompañalas sen xulgar e favorecer a atención profesional; contactar cos servizos de emerxencia (061) ante situacións de risco inminente; avaliar de maneira directa o risco de suicidio; escoitar con empatía; manter a seguridade evitando sustancias ou medios letais; facilitar conexións con redes de apoio; e realizar seguimento regular tras crises ou altas sanitarias.

⚙ Configurar cookies
0.16253185272217