A Área Sanitaria de Ourense sitúase á vangarda na atención temperá do melanoma

OurenseXa
Máis de 200 persoas foron atendidas o ano pasado de xeito precoz en Ourense ante a sospeita de melanoma
servizo-dermatoloxia-chuo
Parte do equipo do Servizo de Dermatoloxía do CHUO
24 May 2025

Ao longo do pasado ano, activáronse en Ourense 226 vías rápidas de melanoma desde Atención Primaria, ante a detección de lunares ou lesións sospeitosas. Grazas a este protocolo, os casos son derivados ao Servizo de Dermatoloxía, que proceden de xeito case inmediato ao seu estudio, o que confirmou o diagnóstico deste grave cancro de pel en 62 ourensáns, que foron operados nun prazo inferior a un mes.

O melanoma é un cancro da pel que se orixina nos melanocitos, as células responsables da pigmentación. Aínda que é o menos frecuente entre os cancros de pel, tamén é o máis agresivo. Con todo, segundo explica o doutor Ignacio Suárez, do Servizo de Dermatoloxía, “se se detecta nos seus primeiros estadíos, o prognóstico é moi bo e a curación é posible en case todos os casos”.

O Día Mundial do Melanoma busca precisamente concienciar á poboación sobre a importancia da detección precoz, recoñecendo signos de alerta, como a aparición dun lunar diferente ou cambios nunha lesión pigmentada xa existente.

“O máis importante é estar atentos aos cambios de cor, tamaño ou forma”, destaca o doutor Suárez. “Nas fases iniciais, o melanoma tende a estenderse horizontalmente, pero máis adiante pode penetrar en profundidade, o que aumenta o risco”.

O sol, principal factor de risco

O principal factor de risco para o desenvolvemento de melanoma é a exposición solar sen protección, especialmente durante a infancia. Moitos dos diagnósticos actuais afectan a persoas entre 40 e 60 anos, que sufriron queimaduras solares na infancia, nun tempo no que a información sobre os riscos era escasa.

A pesar do aumento da detección de casos —15 por cada 100.000 habitantes—, a mortalidade está a diminuír, grazas a ferramentas asistenciais como a vía rápida, que permiten unha detección e tratamento precoz, aumentando a taxa de supervivencia ata un 90 %.

A regra do ABCDE para identificar lesións sospeitosas:

  • A – Asimetría: se dividimos o lunar en dúas metades, deben ser similares.
  • B – Bordes: irregulares ou difusos poden indicar risco.
  • C – Cor: presenza de varias cores nun mesmo lunar é sinal de alerta.
  • D – Diámetro: máis de 6 mm aumenta a sospeita.
  • E – Evolución: calquera cambio en tamaño, forma, cor, picor, sangrado ou aparición de novas manchas debe ser avaliado.

Tendo en conta esta regra, ante calquera dúbida, o servizo de Dermatoloxía recoménda aos pacientes consultalo co seu médico de familia, que poderá activar a vía rápida de ser necesario.

Ourense, pioneira na atención temperá do melanoma

Ourense foi unha das primeiras provincias nas que se implantou a vía rápida de melanoma, dispoñible, xa desde finais de 2013, tamén nos distritos sanitarios de Verín e Valdeorras. Este protocolo é posible grazas á coordinación multidisciplinar entre Dermatoloxía, Anatomía Patolóxica, Cirurxía Xeral, Atención Primaria, Radiodiagnóstico, Medicina Nuclear e Oncoloxía.

Nos últimos anos, reforzouse a capacidade diagnóstica da Atención Primaria dotando os centros de saúde con dermatoscopios, que permiten unha análise detallada das lesións cutáneas. Ademais, o Servizo de Dermatoloxía conta cun novo dermatoscopio dixital, especialmente útil no estudo das lesións pigmentadas.

⚙ Configurar cookies
0.15797400474548