O persoal sanitario ourensán amosa o seu rexeitamento á agresión sufrida por unha profesional do CHUO

A Dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras manifesta o seu máis absoluto rexeitamento á agresión sufrida por unha profesional do Servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense no exercicio das súas funcións.
“Este inadmisible episodio de violencia volve poñer de manifesto a necesidade de manter con firmeza a política de tolerancia cero fronte ás agresións ao persoal sanitario, e reforza o compromiso da Área Sanitaria coa seguridade e o benestar dos seus profesionais, ofrecendo axuda e asesoramento legal, como apoio psicolóxico”, sinalan.
“Desexamos trasladar á cidadanía todo o apoio e solidariedade ao conxunto do equipo do servizo de urxencias, como xa fixemos persoalmente coa agredida. Episodios como este non teñen cabida nun sistema sanitario público que debe basearse no respecto mutuo e na protección de quen traballa día a día ao servizo da saúde dos seus concidadáns”.
Neste sentido, a Dirección lembra que o Servizo Galego de Saúde continúa promovendo medidas concretas dentro da súa estratexia para mellorar a resposta institucional fronte a estas condutas. De feito a Consellería de Sanidade está a tramitar a modificación da Lei de Saúde de Galicia no marco dun plan de medidas para evitar as agresións e protexer ao persoal do sistema sanitario, elevando ao máximo nivel a protección do persoal do Servizo Galego de Saúde.
A Lei establecerá que as áreas sanitarias comuniquen de oficio todos os casos de agresión á Fiscalía Superior de Galicia para o inicio de accións penais, con independencia de que exista ou non denuncia da persoa agredida. Ademais, a Xunta personarase nos procedementos penais por delitos de atentado ao persoal do Servizo Público de Saúde.
Nesta estratexia de agresións cero desde o Servizo Galego de Saúde estase promovendo un maior coñecemento por parte do persoal dos centros sanitarios públicos dos recursos a súa disposición na loita e protección fronte a esta lacra, como o coñecemento da existencia e funcións da figura do Interlocutor Policial Sanitario, como na xornada organizada pola Dirección de Recursos Humanos do Sergas, celebrada a pasada semana no Hospital Público de Verin. Así como formación no uso de aplicacións como AlertCops, ou da ferramenta tecnolóxica do Sergas ACUDE, que permite unha intervención rápida e eficaz ante unhasituacións de risco.
Desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reiteran o seu “compromiso inequívoco cun entorno laboral seguro e coidado, onde calquera acto de violencia será sempre denunciado, perseguido e condenado”.