A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras conta cunha nova Unidade de Atención á Silicose

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras conta xa cunha nova Unidade de Atención á Silicose e ás enfermidades pulmonares intersticiais difusas, que permitirá coordinar os recursos da rede Sergas, facilitando o acceso e axilizando o diagnóstico destas patoloxías, priorizando a realización de probas ou consultas no centro máis próximo ao paciente.
Para detallar aos profesionais e pacientes do Distrito Sanitario de Valdeorras os pormenores do novo circuíto asistencial, o pasado 8 de abril, o director de procesos asistenciais da Área, Eloy Sánchez, mantivo sendas reunións cos profesionais de atención primaria da bisbarra, no Centro de Saúde de O Barco, e no Hospital Público de Valdeorras, co Servizo de Medicina Interna, ambos cun papel clave na captación de casos e derivación á unidade. Ese mesmo día convocouse aos representantes da asociación de pacientes, que declinaron a oferta a reunirse para recibir información.
Ademais da coordinación dun amplo colectivo de especialistas de toda a Área, o Hospital Público de Valdeorras conta xa cunha profesional clave para o bo funcionamento da unidade: unha enfermeira xestora de casos, que centralizará as necesidades dos pacientes e coordinará o seu proceso asistencial, derivándoos ao servizo que requiran en cada momento, e facilitando a realización de probas ou consultas no centro máis próximo aos pacientes.
Abordaxe multidisciplinar e multicéntrica
A silicose é unha enfermidade pulmonar intersticial difusa. Un extenso grupo de enfermidades pulmonares que afectan o intersticio, que é o tecido conectivo que forma a estrutura de soporte dos alvéolos dos pulmóns. Cando a enfermidade pulmonar intersticial está presente, o pulmón inflámase e vólvese ríxido, evitando que os alvéolos se expandan por completo, limitando así o caudal de aire que recollen, o que limita o osíxeno en sangue e a eliminación do dióxido de carbono. A medida que a enfermidade avanza, o intersticio engrósase, impedindo aínda máis a función pulmonar.
Para axudar a diagnosticar esta afección é preciso realizar un amplo conxunto de probas, desde análises de sangue, a probas da función pulmonar, como a espirometría, oximetría de pulso, radiografías de tórax, TC do tórax, broncoscopias con biopsia, biopsias cirúrxicas ou unha combinación de ambas. Pola súa parte, o tratamento depende tanto da causa subxacente da enfermidade, como do grao de afectación ou saúde de cada paciente, polo que a mellor abordaxe é desde unha perspectiva multidisciplinar, que facilite a especialización, xa que o manexo dos pacientes é sempre individualizado, tanto o seu tratamento farmaceútico, como de rehabilitación pulmonar, terapia respiratoria ou incluso cirurxía para axudar a mellorar a función pulmonar.
Enfermidade ocupacional ben coñecida
A silicose é unha enfermidade pulmonar ocupacional ben coñecida, causada pola inhalación continuada dunha gran cantidade de po de sílice cristalina, causando un impacto considerable na calidade e expectativa de vida dos pacientes.
A Silicose vencéllase historicamente a minería, de feito, o seu centro de referencia, o Instituto Nacional de Silicose situase desde 1970 en Asturias, como resposta ao gran número de mineiros do carbón afectados. Non si, co paso dos anos os afectados forman parte doutras industrias, como traballadores da construción, canteiras, escavacións, construción de túneles, fabricación de encimeiras de pedra artificial, limpadores con chorro de area, marmolistas, protésicos dentais, industria da cerámica, fabricantes de xoias e manufactura de roupa desgastada -ou sandblasting, entre outros.
A atención sanitaria dos pacientes con silicose está garantida en todas as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, contando as provincias de Pontevedra e Ourense con procedementos específicos para a detección e tratamento destes pacientes, tendo en conta que son nestas dúas onde se concentran os casos desta enfermidade, pola extensión de actividades de risco como canteiras e ou empresas de procesado de pedra.
De feito a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que avanza un paso máis coa creación da Unidade, contaba ata agora cunha consulta específica de enfermidades intersticiais, do Servizo de Pneumoloxía, e máis recentemente cun Comité Multidisciplinar para as enfermidades pulmonares intersticiais difusas, no Hospital Universitario de Ourense, equipo que mensualmente se encarga de avaliar os casos máis complexos desta enfermidade pulmonar, formado por profesionais de Pneumoloxía, Radioloxía, Anatomía Patolóxica, Reumatoloxía, Medicina Interna, e a sección de enfermidades autoinmunes.