A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras incorpora 42 novos TCAE

OurenseXa
O Hospital Universitario de Ourense acolleu a toma de posesión de praza coma persoal estatutario fixo dun total de 42 técnicas en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) e 4 persoal de servizos xerais (PSX)
persoal-chuo-sergas
Persoal do CHUO
3 Out 2024

Un total de 42 TCAE e 4 PSX toman posesión na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras tras superar o proceso selectivo de estabilización
O Hospital Universitario de Ourense acolleu a toma de posesión de praza coma persoal estatutario fixo dun total de 42 técnicas en coidados auxiliares de enfermaría (TCAE) e 4 persoal de servizos xerais (PSX) tras resolver o Servizo Galego de Saúde o seu proceso de estabilización desas categorías profesionais, por concurso de méritos.

No que atinxe ao Hospital universitario de Ourense, foron un total de trinta e dúas TCAE, os que elixiron dito destino profesional, mentres que cinco incorpóranse no distrito sanitario de Verín e outras cinco ao distrito sanitario de Valdeorras. As profesionais desenvolverán o seu traballo nas distintas unidades de hospitalización dos hospitais de Ourense, Piñor, Verín e Valdeorras, nas áreas cirúrxicas, áreas de consultas, probas de dixestivo, esterilización, urxencias, coidados intensivos ou pediatría. No que respecta ao persoal de servizos xerais (PSX), son catro as incorporacións que desenvolverán a súa actividade nos centros de Atención Primaria de A Veiga, Lobios, Vilar de Barrio e Verín.

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada, rematando este prazo o vindeiro 30 de outubro. Como dato curioso tan só un, dos corenta e oito profesionais que se incorporan á área sanitaria ourensá, é home, o que supón un 98 % de presenza feminina neste proceso de estabilización.

Cómpre lembrar que publicouse o pasado luns no DOG esta Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procedía ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo destes aspirantes seleccionados nos procesos selectivos de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, nas categorías de TCAE e PSX convocados polas resolucións do 26 e 28 de decembro de 2022, respectivamente.

A resolución deste proceso supón a incorporación de 293 profesionais en toda Galicia ás institucións sanitarias do Sistema Público de Saúde, con condición de fixeza.

0.19971203804016