A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reforza a presenza das matronas nos hospitais públicos

OurenseXa
A presenza das matronas crece en Verín e esténdese á planta de obstetricia do Hospital Universitario para potenciar a lactancia materna e os coidados postparto en coordinación co persoal deste servizo
dia-da-matona-ourense
5 May 2025

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras súmase ao Día Internacional da Matrona que lembra o papel esencial destas especialistas nos centros de saúde e hospitais, estendendo a súa presenza no Hospital Público de Verín e incorporándose á planta de obstetricia do Hospital Universitario de Ourense, para potenciar a lactancia materna e os coidados postparto en coordinación co persoal deste servizo.

A integración das matronas na planta de hospitalización de obstetricia, supón un paso adiante no apoio ao papel destas especialistas como referentes no coidado da muller, e de mellora da calidade asistencial, potenciando a atención ao postparto e á lactancia materna, asegurando un seguimento máis próximo xunto co persoal sanitario do servizo, ademais de facilitar a coordinación coa matrona de atención primaria .

Este novo modelo organizativo promovido desde a Dirección de Enfermería reforza o compromiso coa promoción da saúde materno-infantil e facilita unha continuidade asistencial máis efectiva desde o nacemento ata o alta hospitalaria. As matronas achegan os seus coñecementos especializados para resolver dúbidas, apoiar emocionalmente ás nais e garantir o mellor inicio posible da relación nai-fillo.

A Área Sanitaria de Ourense conta con corenta e unha enfermeiras especialistas en obstetricia e xinecoloxía, presentes en todos os niveis asistenciais, catorce en Atención Primaria, e vinte e sete en hospitalaria: catorce no Hospital Universitario de Ourense, sete no hospital Público de Valdeorras e seis no de Verín.

Presenza en toda a provincia

As matronas de Ourense tamén desempeñan un papel clave nos centros de saúde, con catorce profesionais adscritas aos distintos Servizos de Atención Primaria. Neste nivel asistencial contan cunha ampla carteira de servizos, integrados no Programa da Muller, que inclúe o seguimento do embarazo de baixo risco, a formación pre e post parto, educación maternal, atención integral á saúde sexual e reprodutiva e a menopausia.

Ademais, desde a posta en marcha do Cribado de Cancro de Cervix, por parte da Dirección de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, as matronas de atención primaria son parte esencial do seu funcionamento. Xunto a elo desenvolven numerosas iniciativas de saúde comunitaria como obradoiros de chan pélvico en Valle Inclán, ou de Seguridade Viaria en Ribadavia, entre outros.

Como explica a directora de enfermería da Área, Pepa Rodríguez Araujo “as matronas son un colectivo altamente cualificado, próximo e comprometido co benestar das mulleres e as súas familias” destacando que ofrecen uns coidados que abranguen todo ciclo vital da muller ademais de ser profesionais clave no embarazo “non só durante o parto, senón tamén nos momentos previos e posteriores, onde o apoio á lactancia e a atención emocional marcan a diferenza”, sinala.

A incorporación das matronas a novos espazos asistenciais, como a planta de hospitalización, supón un salto cualitativo na atención postparto e na promoción da lactancia, contribuíndo a labor da enfermería na humanización e mellora da experiencia das nais no seu paso polo sistema sanitario.

Nesta aposta pola calidade asistencial, este mesmo ano o Hospital Universitario de Ourense ampliou a presenza destas profesionais no paritorio, pasando de dous a tres profesionais en quenda de mañá, apostando por unha asistencia mais personalizada e de calidade pese a progresiva redución dos partos. Co mesmo criterio tamén Verín aumentou o seu persoal, pasando de 5 a 6 matronas.

O Día Internacional promovido pola confederación internacional das matronas (International Confederation of Midwifes) ten este ano o lema “Matronas: Cruciais en toda crise” para lembrar o seu papel esencial nas emerxencias, para atender situacións de crise habituais
como complicacións do embarazo, violencia de xénero ou acceso aos servizos de saúde sexual e reprodutiva.

⚙ Configurar cookies
0.165766954422