A Asociación Amigos do Patrimonio de Toén organiza unha andaina cultural polo Día das Letras Galegas

A Asociación Amigos do Patrimonio de Toén organiza unha andaina cultural entre Couxil e Toén co gallo do Día das Letras Galegas 2025, que este ano se dedica á poesía popular oral, un legado que se transmitiu ao longo das xeracións principalmente a través das mulleres.
Desde a asociación explican que a iniciativa busca destacar a profunda relación histórica entre as parroquias de Couxil (Cartelle) e Toén, un vínculo que foi tanto relixioso como cultural. Ata finais do século XIX, concretamente en 1894, Couxil formaba parte da parroquia matriz de Toén, e os seus habitantes desprazábanse ata alí para asistir aos actos relixiosos, percorrendo un camiño que co tempo pasou a ser coñecido como o "Camiño dos Mortos".
A andaina arrancará o 17 de maio ás 10.30 horas e recreará este antigo traxecto que unía as igrexas das dúas parroquias, pasando polos municipios de Cartelle, A Merca, Barbadás e Toén. Durante o percorrido, duns 12 quilómetros, faranse paradas en distintos puntos de interese cultural e patrimonial, como o Castro de Coto de Frades (na parroquia de Pereira de Montes), o Castro de Trelles —onde levaron a cabo escavacións importantes figuras como Florentino López-Cuevillas e Jaime Pérez-Colcén—, ou mesmo a localidade natal da recoñecida gaiteira Áurea Rodríguez, considerada a primeira gaiteira documentada de Galicia, e símbolo da transmisión da nosa música tradicional tanto en Galicia como en América Latina.
Ademais de camiñar, os participantes poderán escoitar pequenas intervencións divulgativas en cada parada, coas que se pretende recuperar a memoria colectiva do territorio. A andaina servirá tamén para lembrar e homenaxear figuras ilustres vencelladas á comarca, como os irmáns Augusto María e Álvaro de las Casas, ou Juan Antonio Saco e Arce, cuxo compromiso coa lingua e coa identidade galega segue vixente.
Desde Amigos do Patrimonio de Toén destacan que se trata dunha xornada de convivencia para camiñar, coñecer e poñer en valor o patrimonio común, facendo especial fincapé no papel das mulleres como pilares da tradición cultural galega.
As persoas interesadas poden inscribirse a través das redes sociais da asociación, do correo electrónico (patrimoniotoen@gmail.com) ou chamando ao teléfono 621 396 855. Deben indicar tamén se precisan transporte de regreso a Couxil. A data límite para anotarse será o 15 de maio.
Ao finalizar a andaina, todas as persoas participantes poderán gozar dunha degustación con tortilla e pinchos. A organización lembra que é imprescindible anotarse previamente.
Desde a asociación agardan que esta actividade sexa unha ocasión para compartir coa veciñanza e amizades o amor pola historia, a lingua, a cultura e o patrimonio do seu territorio.