A Asociación Galega de Matronas súmase ás críticas polo traslado da sala de partos do CHUO

O traslado da sala de partos do CHUO continúa xerando críticas a pesar das explicacións do Sergas, que insiste en que as instalacións ás que se pretende realizar dito traslado cumpren cos estándares de calidade e seguridade.
Ás denuncias realizadas polo BNG e o PSdeG súmanse tamén as da Asociación Galega de Matronas, que criticou que o traslado “non reúne as condicións mínimas de seguridade, hixiene e privacidade”.
As profesionais advirten de que os novos espazos son reducidos, sen salas de parto natural, con accesos compartidos con cirurxía e sen as garantías necesarias para preservar a intimidade das mulleres e a correcta atención aos recén nacidos. “Esta situación vulnera os dereitos das mulleres e a dignidade das matronas, que traballaremos en condicións que poñen en risco a calidade asistencial”, sinalan.
Pola súa banda, a asociación de apoio á lactancia materna Arrolos de Teta sumouse á protesta cunha concentración na porta do CHUO para denunciar esta situación.
Subliñan que o vindeiro 15 de xullo, data prevista para o traslado, as mulleres terán que dar a luz separadas unicamente por cortinas e sen baño propio.
Critican ademais a falta de información durante os últimos meses e esixen unha alternativa “segura e saudable” que garanta unha atención digna tanto para as familias como para o persoal sanitario.
Ambas asociacións, así como os grupos socialista e nacionalista, reclaman explicacións claras aos responsables sanitarios e a paralización inmediata do traslado ata que se ofreza unha solución que respecte os dereitos das mulleres e a calidade da atención ao parto en Ourense.
Desde Sanidade reiteran o seu compromiso coa calidade asistencial e a seguridade de pacientes e profesionais, subliñando que se trata dunha medida consensuada cos distintos servizos, que non reducirá persoal nin afectará aos seus dereitos, e que existe unha liña de comunicación aberta cos representantes sindicais.
A Xerencia explica que o traslado responde a unha planificación técnica e sanitaria para acometer obras de reforma e mellora do hospital incluídas no Plan Director, cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros. Durante este tempo, acondicionáronse espazos provisionais que, insisten, están deseñados para garantir a calidade da atención, a seguridade e a intimidade das pacientes.
Desde a dirección destacan que se trata dunha medida temporal, que manterá os máximos estándares de calidade e seguridade, sen recortes de recursos nin impacto no labor dos profesionais. Ademais, aseguran que o diálogo seguirá aberto para resolver dúbidas e mellorar na medida do posible as condicións durante este proceso.