A Asociación Rebulir pon en marcha o ciclo “Cantamos ó Maio” para celebrar o mes das flores

A Asociación Cultural Rebulir, co apoio da Deputación de Ourense e a colaboración do Concello de Ramirás, pon en marcha un ano máis o ciclo “Cantamos ó Maio”, un programa cultural que se desenvolverá durante todo o mes de maio co obxectivo de recuperar e dinamizar a celebración tradicional dos Maios na comarca da Baixa Limia – Celanova.
A programación inclúe actividades para todos os públicos: obradoiros, animación de rúa, saídas culturais e propostas que combinan natureza e saber popular. O ciclo arrancará este mesmo sábado 3 de maio cun obradoiro de coplas dos Maios e un mercadiño tradicional, que abrirán o camiño a un mes cheo de tradición, aprendizaxe e participación.
O 4 de maio está prevista unha saída cultural para coñecer os Maios de Laza e Ourense cidade, e o 10 de maio Rebulir levará á rúa a súa música e baile tradicional. O día 17, a actividade desprazarase ata Ramirás Raigame nunha nova saída cultural.
Un dos pratos fortes do programa será o Roteiro e Obradoiro “Prantas comestibles”, que terá lugar o 25 de maio ás 16.00 horas na área recreativa do río Arnoia (A Pontenova – Ramirás). Trátase dunha actividade divulgativa cun enfoque práctico e sustentable, onde as persoas participantes poderán coñecer plantas comestibles autóctonas, aprender a identificalas no seu medio natural e descubrir o seu uso tradicional na alimentación. As inscricións están abertas en www.rebulir.com.
O ciclo rematará o 31 de maio cun obradoiro de chaveiros de madeira, pechando así un mes dedicado á memoria colectiva, á natureza e á expresión cultural galega.
Ademais, a Asociación Rebulir xa está a traballar nunha das súas actividades estrela: A Verbena do Rella, que este ano se celebrará o 5 de xullo en Vilavidal. Unha cita xa consolidada no calendario festivo e cultural da comarca, para a que a organización xa ten confirmados grupos relevantes do panorama musical galego, que formarán parte dun cartel de excepción nesta edición 2025.
“Cantamos ó Maio” é unha proposta que conxuga a tradición cos novos formatos culturais, apostando pola dinamización do rural e a transmisión interxeracional do noso patrimonio inmaterial.