A aula teatral do campus acadouo galardón do público no Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior

OurenseXa
A Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña estreou en Portugal a peza "Desequilibrios"
aula_teatro_universitario_maricastaña_desequilibrios
A Aula de Teatro Universitario do Campus de Ourense presenta
24 Mar 2024

A Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña vén de presentar en Portugal a súa nova peza, titulada "Desequilibrios", no no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior, onde acadou o premio do público.

Cada curso académico, a Aula de Teatro do Campus de Ourense Maricastaña crea unha obra teatral coa que logo xira por diferentes festivais e espazos escénicos da península ibérica.

A aula arrancou en outubro a súa actividade formativa, na que participa arredor dunha ducia de persoas e que se desenvolve semanalmente nas instalacións do campus de Ourense a cargo dos membros de Sarabela Teatro Fina Calleja, Sabela Gago, Flor Figueroa, Elena Seijo e Fernando Dacosta, o seu director. Froito destes meses de traballo, preséntase Desequilibrios, con dramaturxia, escenografía e dirección de Fernando Dacosta e inspirada libremente no libro Alguén voou sobre o niño do cuco, de Ken Kesey.

Unha historia de amizade, de revolta, de represión

Ambientada nun manicomio que “está obsoleto” e no que o “tratamento de shock que reciben as persoas díscolas está sendo cuestionado”, a obra propón unha “historia de forzas en oposición: as daquelas persoas que teñen o poder e queren perpetuarse nel e as que o cuestionan desde a súa loucura”. Desequilibrios é, engaden desde a súa organización, unha “historia de amizade, de revolta, de represión, de creatividade, de amor, de liderado, de sacrificio” que contén humor e morte, comedia e traxedia, “como a vida mesma”. A peza, apunta Fernando Dacosta, “pon diante de nós os desequilibrios que afrontamos cada día. O lado da balanza no que decidamos poñernos é cousa nosa”.

A obra foi presentada recentemente no 28º Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior (Portugal), onde acadou o premio do público. “Estamos moi agradecidos pola acollida do Teatr'Ubi e de Covilhã”, comenta Fernando Dacosta, dando os parabén á organización do festival e ás compañías participantes. Satisfeito por ter acadado o recoñecemento do público nesta estrea, subliña que “seguir e poder estar é o premio”. A próxima cita de Desequilibrios será nos escenarios galegos, a principios de maio, na celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense Miteu.

0.10982799530029