A Casa dos Poetas recoñece a Sarabela Teatro polo seu compromiso coa cultura

OurenseXa
A compañía ourensá recibiu este domingo o XLI Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’ entregado pola Fundación Curros Enríquez
sarabela-teatro-premio-celanova-casa-dos-poettas
Sarabela Teatro recibe o XLI Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’
8 Sep 2025

A Fundación Curros Enríquez entregou este domingo, 7 de setembro, o XLI Premio ‘Celanova, Casa dos Poetas’ a Sarabela Teatro, nunha xornada que ten como obxectivo poñer en valor a cultura e que serve como homenaxe aos escritores máis ilustres da vila.

O xurado decidiu outorgar este recoñecemento á compañía ourensá “pola súa longa traxectoria no ámbito sensorial da representación escénica e polo seu compromiso permanente coa veracidade, honestidade e autenticidade”. A compañía, explicou o xurado, demostrou estes valores tanto na escolla dos textos que leva á escena como na súa relación co público, caracterizada pola transparencia e a fidelidade á conexión única entre actor e espectador.

Fundada en 1980 no ámbito cultural da Universidade Laboral de Ourense e profesionalizada en 1990, Sarabela mantivo desde entón un firme compromiso cos autores galegos —como Blanco Amor, Vicente Risco ou Méndez Ferrín— sen deixar de lado os clásicos universais nin as súas propias creacións. A compañía reivindica o seu propósito de “facer un teatro de calidade: vivo, arriscado, contemporáneo, coherente, con rigor, autocrítica, responsabilidade e resistencia”.

Con este galardón, a Fundación Curros Enríquez recoñece tanto a excelencia artística como a ligazón da compañía cos seus orixes ourensáns. Ademais da súa actividade profesional sobre os escenarios, Sarabela destaca polo seu labor como formadora e promotora de encontros teatrais na provincia, entre eles o FITO, a MITEU e o MOTI, que contribuíron a achegar o teatro a novos públicos e a fortalecer o tecido cultural de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.17650508880615