A CEO presenta unha nova etapa do programa ExportOU

OurenseXa
O obxectivo para este 2025 será reforzar a internacionalización, a sustentabilidade, a competitividade e a transformación do tecido empresarial ourensán
presentacion-exportou-2025
Presentación de Exportou 2025
22 Apr 2025

A Confederación Empresarial de Ourense (CEO) presentou este luns unha nova etapa do programa ExportOU 2025, un ambicioso ecosistema que reforza a súa aposta pola internacionalización, a sustentabilidade e a transformación dixital do tecido empresarial da provincia. A iniciativa conta co apoio da Deputación de Ourense e ten como finalidade converter ás empresas ourensás en protagonistas activas do mercado global.

Durante o acto, a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, subliñou que ExportOU “non só evoluciona, senón que se transforma nestes momentos nunha plataforma máis potente e útil, pensada para que ningunha empresa, por pequena que sexa, quede sen aproveitar o seu potencial internacional”. Tamén destacou o papel fundamental da colaboración público-privada, agradecendo o firme respaldo da Deputación de Ourense. “ExportOU 2025 é unha aposta polo coñecemento, a tecnoloxía e a cooperación, e consolida o compromiso cun futuro onde as nosas empresas non só estean presentes no mundo, senón que o fagan con voz propia e con impacto positivo”, concluíu.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, valorou ExportOU como unha iniciativa “valente, útil, competitiva, dixital e innovadora”, especialmente nun contexto de atrancos e aranceis nos mercados internacionais. Defendeu o proxecto como unha ferramenta eficaz para axudar ao empresariado da provincia a medrar, adaptarse e competir a nivel global.

Traxectoria e obxectivos de ExportOU 2025

Dende a súa creación no ano 2017, ExportOU facilitou o acceso das empresas ourensás ao comercio internacional, acadando resultados moi salientables: máis de 300.000 usuarios rexistrados de 41 países, 700.000 visitas á súa plataforma dixital, máis de 770 encontros comerciais, 312 visitas e 458 reunións de negocio, e 58 empresas incorporadas ao directorio internacional “Marca Ourense”, con máis de 100 referencias en castelán, inglés e francés. Ademais, incorporou ferramentas tecnolóxicas como as visitas virtuais 360º.

A edición 2025 inclúe novas liñas de acción como exportou>COMEX, exportou>GASTROEVOLUCIÓN e exportou>SOSTIBLE, centradas en aumentar a competitividade das empresas e posicionar os produtos ourensáns no mercado internacional. Un dos principais retos será conseguir que polo menos 120 empresas se beneficien do programa ao longo deste ano, promovendo ademais a sustentabilidade como vantaxe competitiva.

Tamén se marcan como prioridades impulsar a transformación dixital e ecolóxica, especialmente entre pemes e empresas do rural; diversificar e ampliar a presenza internacional das empresas ourensás; fomentar comunidades colaborativas como exportou>ESG, que promovan a aprendizaxe compartida e sinerxías intersectoriais; e impulsar a gastronomía ourensá como carta de presentación internacional a través de iniciativas específicas.

ExportOU 2025 consolídase así como un servizo público de referencia, que contribúe activamente a crear un tecido empresarial máis innovador, resiliente e preparado para os desafíos do futuro.

⚙ Configurar cookies
0.16315102577209