A CHMS celebrou en Ourense unha xornada para informar sobre o novo ciclo de Planificación Hidrolóxica 2028-2033

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, realizou unha xornada-debate divulgativa sobre o contido dos documentos iniciais do proceso de planificación 2028-2033, que constitúen a primeira das tres etapas das que consta a elaboración do plan hidrolóxico.
A xornada, que tivo lugar este xoves en Ourense en formato aberto, enmárcase dentro do proceso de participación pública que está permitindo á cidadanía dar a coñecer as súas suxestións ou propostas a este documento. Nela interviñeron José Antonio Quiroga, presidente do organismo, e Carlos Ruiz del Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica, contando coa asistencia de máis de 80 persoas de distintos ámbitos: concellos, asociacións ecoloxistas, representantes de distintos sectores de actividade, doutras administracións e outros axentes implicados.
"Expostos os documentos iniciais do proceso de planificación 2028-2033, que se atopan actualmente en período de consulta pública ata o vindeiro 20 de xuño, e que constitúen a primeira das tres etapas previas á redacción definitiva do PHMS", explicou Quiroga.
"Como paso previo a esta xornada celebráronse catro xornadas sectoriais (organizacións en defensa dos intereses ambientais, usuarios de abastecemento urbano, usos agropecuarios e usos enerxéticos) e presentáronse os contidos ante os órganos colexiados (Xunta de Goberno, CAD e CAC)".
Contido dos documentos iniciais
De acordo coa DMA e o TRLA, o plan hidrolóxico debe actualizarse e revisarse cada seis anos, e os DDII son a primeira etapa das tres fases das que consta a revisión, actualización e elaboración do plan. A esta primeira etapa (DDII) seguirá a segunda, o esquema de temas importantes en materia de xestión da auga, e a terceira e última, que é o propio proxecto de plan.
Durante a xornada describíronse as características da demarcación, un estudo sobre as repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e subterráneas, unha análise económica do uso da auga así como o proxecto de participación pública e as fórmulas de consulta para facela efectiva.
Así, dentro do estudo do impacto da actividade humana sobre o estado das masas de auga, trátanse os principais problemas existentes na demarcación hidrográfica, como o elevado número de barreiras transversais, a alteración do réxime hidrolóxico provocada polos aproveitamentos hidroeléctricos, os problemas derivados da contaminación difusa procedente da actividade agrícola e gandeira, o impacto da actividade mineira e das escombreiras, a contaminación puntual por verteduras ou a elevada ocupación das zonas adxacentes ao dominio público hidráulico.
Do mesmo xeito, explicáronse as melloras necesarias en materia de gobernanza, sobre todo no relativo á coordinación entre as diferentes administracións públicas con competencias en materia de auga, á hora de executar o programa de medidas asociadas ao plan; á cooperación transfronteiriza; incidindo na posta en marcha das medidas necesarias para acadar o bo estado das masas de auga e na necesidade de incrementar a taxa de recuperación de custos resultante da análise económica do uso da auga realizada.
Fixouse tamén especial énfase no impacto do cambio climático sobre os recursos hídricos da demarcación, ante a previsible diminución futura das precipitacións, así como a maior recurrencia de fenómenos extremos como inundacións e secas e o seu potencial efecto nos fenómenos de contaminación accidental e incendios.
"O fomento e a consecución efectiva da participación activa das diferentes partes interesadas na materia é un dos principais obxectivos da planificación hidrolóxica e continuará durante a segunda fase –Esquema dos temas importantes en materia de xestión das augas– e terceira fase –proxecto de plan hidrolóxico de conca– da elaboración do novo plan, que debe culminar antes de finais do ano 2027", concluíu Carlos Ruiz, xefe da OPH.