A CIG convoca unha manifestación en Ourense para conmemorar o Día dos Traballadores

OurenseXa
A manifestación sairá ás 11.30 horas da Praza Maior baixo o lema “Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo”.
susana-mendez-secretaria-cig
Susana Méndez, secretaria da CIG
29 Apr 2024

A CIG presenta a campaña arredor da que xira este ano a conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. Unha xornada na que a central sindical ten convocadas 16 manifestacións en cidades e vilas e que se celebrará baixo o lema “Traballo digno. Pola paz e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo”.

En Ourense, a manifestación sairá ás 11.30 horas da Praza Maior. As convocatorias, tal e como explicou o secretario xeral, Paulo Carril, tenentões como finalidade denunciar “o belicismo e apoloxía da guerra que a UE, en entusiasta obediencia aos Estados Unidos (EUA) e ás misións da OTAN, está axitando para disimular manterse á fronte dun mundo que camiña a ser irreversiblemente multipolar e a rachar coa globalización neoliberal, co imperialismo que os EUA queren manter a lume, sangue e morte”.

Nese sentido, rexeitou o gasto de 1.200 millóns de euros en armas aprobado polo Consello de Ministros e o apoio de Europa a Israel no seu xenocidio ao pobo palestino. “Son o exemplo da crueldade do chamado Occidente civilizado e democrático, por negarse a recoñecer unhas relacións internacionais sen subordinacións, sen explotación nin dependencias, que respecte, tamén nas propias fronteiras da UE, o dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, para así liderar a construción dun mundo moi necesitado de xustiza, solidariedade, cooperación, igualdade e paz”, dixo.

Precarización das condicións laborais e de vida

Neste contexto, advertiu dos altos prezos da cesta da compra; da baixa capacidade adquisitiva dos salarios e das pensións; do aumento da precariedade pola xeneralización da contratación a tempo parcial e fixa descontinua e do medre da poboación en risco de pobreza e de exclusión social. Unha situación da que responsabilizou á reforma laboral, vixente desde ha xa 2 anos, que “nin xerou dereitos, nin derrogou as graves e regresivas reformas laborais do 2012”, afirmou.

Así mencionou algúns dos datos máis salientábeis que constatan esta situación, como o aumentou nun 125,1% dos contratos fixos-descontinuos desde 2021; o medre das xornadas parciais, que pasaron de ser o 19,8% en 2021 a representar o 23,9% en 2023 e que teñen maioritariamente mulleres (o 75,5%) ou que o 42,5% dos contratos temporais duraron menos dunha semana no 2023.

Por iso situou como obxectivo prioritario da CIG a mellora da capacidade adquisitiva dos salarios e combater a pobreza porque, tal e como lembrou, o 33,6% dos e das asalariadas non acadaron uns ingresos equivalentes ao SMI e o 59,3% das persoas que percibiron ingresos procedentes do traballo non acadou os ingresos medios de Galiza, é dicir, estes son inferiores aos 21.999 €, “o que amosa as grandes fendas existentes”.

Fendas que, subliñou, vén confirmar tamén a taxa Arope, que considera en risco de pobreza os fogares cunha renda inferior ao 60% da mediana de ingresos, de 8,449,20 euros. “Isto representa en Galiza cerca do 26%, aumentando 1,8 puntos, mentres que no Estado medrou 1,2 puntos”.

Responsabilizou desta situación ás políticas laborais do Goberno español e ao diálogo social que, advertiu, “agora camiña no intento de impoñer novos recortes”, entre os que sinalou a privatización da sanidade pública, impulsando o abuso das Mutuas, acordado no V AENC e que, segundo explicou, “agora o INSS quere impor fomentando que os procesos de IT por contixencias comúns derivados de patoloxías músculo-esqueléticas sexan postas en mans das Mutuas”.

Denunciou tamén que se estea a negociar no diálogo social, sen respectar os dereitos de representación das centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG, cambios na Seguridade Social. Mais “non na liña de avanzar en garantir unha verdadeira xubilación anticipada, uns coeficientes redutores da idade de xubilación para profesións perigosas e penosas, ou unha xubilación parcial con dereitos, que rexuveneza os cadros de persoal e xere emprego digno”. Cuestións que o levaron a concluír que “estamos ante a acción dun Goberno español que non restitúe nin recoñece dereitos senón que substitúe dereitos socias por programas de beneficencia”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18281006813049