A cirurxiá ourensá, Marta Maes Carballo, Premio Extraordinario de Tese Doutoral na área de Ciencias da Saúde

OurenseXa
Marta Maes é cirurxiá xeral do Hospital Público de Verín, con especial dedicación ao cancro de mama
Marta Maes
Marta Maes
3 Nov 2024

A doutora ourensá Marta Maes Carballo, cirurxiá xeral do Hospital Público de Verín e con especial dedicación ao cancro de mama, recibiu o prestixioso Premio Extraordinario de Tese Doutoral na área de Ciencias da Saúde da Universidade de Granada, en colaboración coa Queen Mary University of London.

A súa tese, titulada “Toma de decisións compartidas como indicador de calidade no Proceso Asistencial Cancro de Mama”, cunha liña de investigación que conta con máis de trinta publicacións en revistas de primeiro nivel, céntrase en mellorar a calidade dos coidados médicos ao fomentar unha maior implicación do paciente no proceso de toma de decisións sobre o seu tratamento, destacando a importancia dunha atención médica máis humana e centrada no paciente.

A tese da doutora Maes investigou como a toma de decisión compartidas pode ser utilizada como indicador de calidade na atención dos pacientes con cancro de mama. Esta toma de decisións compartida Implica que o médico e o paciente traballen xuntos para decidir cal é o tratamento baseado na evidencia que mellor se adapta ás preferencias e valores do paciente. Esta práctica mellora a satisfacción do paciente, favorece a adherencia ao tratamento, é un requerimento ético e supón un estándar para unha atención máis humanizada.

Dentro desta tese, desenvolveu e validou unha ferramenta para valorar a presenza da toma de decisións compartidas nas guías médicas de práctica clínica, que determinou escasa, aínda que tamén determinou que a aparición era máis frecuente nas de maior calidade. Esta ferramenta está sendo usada por múltiples equipos de todo o mundo para o análise da toma de decisións compartidas en guías de diversos ámbitos (cancro de colon, urinario, xinecolóxico...).

Tamén realizou unha enquisa internacional na que se preguntaba aos profesionais sanitarios que trataban pacientes con cancro de mama sobre a toma de decisións compartidas, se a empregaban e o seu futuro. Deste estudo destacou que o coñecemento sobre a toma de decisións compartidas era alto pero que existían barreiras importantes como a falta de tempo e recursos para a súa implementación na sanidade.

Marta Maes é unha recoñecida experta en toma de decisións compartidas, sendo convidada recentemente como relatora destacada no 12th International Conference on Shared Decision Making (ISDM) en Lausana, Suíza. Durante o evento, impartiu un taller no que abordou a implementación destas prácticas en guías de práctica clínica e a súa aplicación na oncoloxía mamaria. “É esencial que o paciente teña un rol activo nas decisións sobre a súa enfermidade; iso forma parte dunha atención médica verdadeiramente humana e personalizada”.

Ademais das súas contribucións prácticas, a doutora Maes continúa promovendo a humanización da medicina a través da investigación académica e a colaboración internacional. É vocal no Comité de Ética Asistencial de Ourense e no Comité Deontolóxico do Colexio de Médicos de Ourense. Actualmente colabora coa Universidade de Brandenburgo nunha liña de investigación para fomentar o uso das decisións compartidas nas guías de práctica clínica.

Tamén durante o presente ano participou con máis de corenta prestixiosos investigadores nun Consenso Internacional, Cairo Consensus Group on Research Integrity, sobre integridade na investigación, un aspecto fundamental para garantir que as decisións médicas baséense en datos de alta calidade e na ética profesional. Así mesmo, recentemente publicou un editorial na prestixiosa Journal of Healthcare Quality Research (JHQR), onde explora a relevancia da toma de decisións compartidas na mellora da calidade asistencial en pacientes con cancro de mama.

Por outra banda, o seu estudo céntrase tanto na toma de decisións compartida como no cancro de mama, por iso, recentemente foi elixida pola prestixiosa Sociedade Europea de Oncoloxía (ESMO) para desenvolver un proxecto internacional para transmitir a través de cursos en liña as últimas actualizacións en Cancro de Mama. Este proxecto está a levarse a cabo simultaneamente en España, EE.UU, Italia, Francia, Xapón e Reino Unido.

Por todo isto, a Marta Maes convida a medios e entidades a participar nesta conversación sobre a humanización da medicina, especialmente no cancro de mama, un enfoque en auxe que pon ao paciente no centro do seu propio coidado co obxectivo de contribuír a unha atención médica que non só cure, senón que tamén respecte os valores, crenzas e experiencias do propio paciente.

0.16003108024597