A demolición do actual Centro de Saúde Novoa Santos obrigará aos pacientes a desprazarse ao Couto e ao PAC

OurenseXa
O BNG vén de denunciar que a decisión fíxose sen consenso cos profesionais sanitarios e pide á Xunta que rectifique para “non dividir servizos”
Imaxe do edificio do Centro de Saúde Novoa Santos, Google Maps
18 Mar 2025

A Xunta de Galicia anunciou recentemente a súa decisión de segmentar a prestación sanitaria de atención primaria do Centro de Saúde Novoa Santos entre o PAC e o Centro de Saúde do Couto ante a previsión de demolición do actual edificio para impulsar o futuro Centro Integral de Saúde (CIS) de Ourense, unha decisión que a deputada do BNG Noa Presas, entende adoptouse “sen consenso, sen rigor profesional e sen a adecuada planificación que debe ser rectificada e revisada”.

Presas fai memoria e sinala que “a promesa dun CIS para Ourense nace xa a finais do ano 2020 e comeza a súa andaina administrativa e orzamentaria no ano 2021. Porén, a realidade é que mentres os CIS de Lugo e de Lalín, comprometidos na mesma altura, están rematados e en funcionamento, o investimento en Ourense continúa na lista de tarefas pendentes”.

Fontes nacionalistas advirten que “máis dun ano despois coñécense un conxunto de decisións unilaterais do Goberno galego ante a próxima demolición do edificio que actualmente alberga o Centro de Saúde Novoa Santos e ante o que as e os profesionais puxeron en coñecemento da autoridade competente distintas discrepancias”. A ollo do BNG e tal e como sinala Noa Presas, “estas discrepancias son razoadas e razoables e foron trasladadas á xerencia sanitaria sen ser tidas en conta”.

E é que entre os problemas sinalados, as e os profesionais sanitarios advirten da ruptura das bases de atención primaria para un terzo da poboación da cidade, da segregación de servizos e pacientes, da sobrecarga do Centro de Saúde do Couto que pasará a duplicar a poboación atendida, da ruptura da calidade e do desmantelamento do Centro de Orientación Familiar, que afecta ao conxunto da cidade.

Noa Presas entende que “coa segregación de servizos, profesionais e pacientes romperanse as bases de accesibilidade, lonxitudinalidade, continuidade asistencial e integralidade, bases consensuadas, estudadas e contrastadas pola comunidade científica, que non responden a criterios aleatorios senón obxectivos e que redundan nunha maior saúde comunitaria. Así mesmo, un dos principais problemas será a sobrecarga do Centro de Saúde do Couto”.

Desde a formación nacionalista denuncia que “non existe unha planificación coa comunidade, nin cos e coas profesionais que atenden no Centro actual, nin cos e coas profesionais dos Centros afectados nin coas entidades sociais e veciñais. Tampouco se está a ter en conta a crecente demanda sanitaria nun contexto social no que aumenta o avellentamento e no que se incorpora nova veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.073982954025269