A Deputación cofinanciará con 1.450.000 euros a prestación do SAF básico en 91 concellos da provincia de Ourense

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres, na sesión correspondente ao mes de marzo, o programa de cooperación BenOurense 2025 para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF básico), que este ano incorpora ao seu orzamento 50.000 euros máis ata chegar a un total de 1.450.000 euros.
Posto en marcha en 2012, este programa regula a concesión de subvencións ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, 91 dos 92 concellos da provincia, que presten o citado servizo, incluíndo as mancomunidades.
As axudas canalízanse a través de dúas accións. A primeira delas ten por obxectivo impulsar a xestión dixital do servizo por parte das entidades locais, facilitándolles unha ferramenta informática que contribúa a mellorar a eficacia e eficiencia dos recursos e do persoal. Para este apartado establécense axudas de entre 2.500 e 3.500 euros.
A segunda acción está destinada a cofinanciar o SAF básico, consistente na atención e coidados ás persoas maiores nos seus domicilios na procura de máis calidade de vida, da permanencia na súa contorna habitual e da conciliación da vida laboral e familiar.
As subvencións a cada entidade local están determinadas por unha contía fixa segundo o grao de “prioridade demográfica” no que estea clasificado, e unha parte variable que, xunto a outros criterios, inclúe como novidade este ano un tramo de “esforzo económico”. Dotado inicialmente cun orzamento de 50.000 euros, esta cantidade repartirase entre aquelas entidades locais que, no último exercicio, xustificaran con recursos propios unha aportación mínima dun 30% do SAF básico.
Agrupación transfronteiriza para captación de fondos europeos
Ademais de aprobar un expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por un importe superior a 1,6 millóns de euros, o pleno deu o visto bo á adhesión da Deputación de Ourense a unha nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Raia Seca-Reserva da Biosfera Gerês-Xurés.
Esta AECT servirá para incrementar a cooperación con Portugal, en especial na contorna da Baixa Limia e da Reserva da Biosfera transfronteiriza Gerês-Xures, e servirá para dar maior visibilidade a esta zona da fronteira e dispor de mellor preparación na captación de fondos europeos para o desenvolvemento destes territorios.
Seguindo coa orde do día, a corporación aprobou a incorporación dos concellos de Monterrei e Laza ao servizo de recollida da fracción papel-cartón, así como o cambio de datas das comisións informativas do mes de abril por coincidir coa Semana Santa, sendo convocadas para o día 21 dese mes.
Mocións sobre financiamento local, medio ambiente e educación infantil
No capítulo propositivo, o pleno aprobou unha iniciativa instando á Deputación a demandar do Goberno do Estado que afronte con urxencia a reforma en profundidade do financiamento das administracións locais, xunto co financiamento das comunidades autónomas, para fortalecer o desenvolvemento dos municipios rurais, garantindo a igualdade no acceso aos servizos públicos e de oportunidades para todos os cidadáns con independencia do seu lugar de residencia.
Tamén se insta á Xunta de Galicia a que actualice o Fondo de Cooperación Local, para adaptalo ás necesidades dos concellos e garantir a súa capacidade e viabilidade na prestación de servizos. Ademais, e tendo como obxectivo mellorar a planificación financeira, buscar novas fórmulas de financiamento para axudar ás entidades locais.
A Corporación tamén aprobou unha moción na que se insta ao Goberno de España a que aprobe un real decreto lei, ou disposición normativa axeitada, que permita a prórroga do destino do superávit do ano 2024, para as entidades locais no 2025, segundo especifica a lei de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, norma que establece as regras especiais para o destino do superávit e que van desde os investimentos financeiramente sostibles ao pago a provedores ou amortización de débeda, sen que este gasto sexa computable a efectos da regra de gasto.
Ínstase ademais á FEMP e á FEGAMP a que reclamen do Goberno central a eliminación das regras fiscais, con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2025 en adiante, co fin de facilitar a gobernanza da entidades locais e deputacións.
Outra das propostas que contou co posicionamento favorable da Corporación foi a relativa á declaración da comarca da Limia como zona vulnerable por nitratos, propoñendo que se esixa á Xunta de Galicia a presentación pública do contido e as medidas incluídas no Plan Estratéxico da Limia do ano 2021.
A iniciativa engade que se ofreza a colaboración do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, dependente da Deputación, para a coordinación de analíticas, controis e seguimento, así como ofrecer asesoramento técnico ás explotacións gandeiras e agrarias da comarca.
A moción engade que para a redacción do Plan de Acción e o seu desenvolvemento nos vindeiros catro anos, a corporación debe promover unha “comisión de seguimento” entre a Deputación, Xunta de Galicia, concellos, IXP Pataca de Galicia, sindicatos agrarios, asociacións de empresarios da Limia.e Campus da Auga de Ourense.