A Deputación de Ourense avanza na mellora da xestión dos residuos a nivel provincial

OurenseXa
O Pazo Provincial acolleu o inicio de dúas xornadas de traballo entre representantes da Área de Medio Ambiente da institución provincial e da plataforma portuguesa Lipor, xunto con representantes de Sogama
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
Pazo Provincial da Deputación de Ourense
10 Sep 2024

A Deputación de Ourense avanza na mellora da xestión dos residuos a nivel provincial, tanto para seguir adaptándose ás directrices europeas (porcentaxes de reciclaxe ou redución de lixo, por exemplo) como para dar resposta aos hábitos e comportamentos sociais que van mudando.

Con este obxectivo, o Pazo Provincial acolleu hoxe a primeira de dúas xornadas de traballo entre técnicos da Deputación da Área de Medio Ambiente e unha representación portuguesa da plataforma Lipor, encargada do tratamento de lixo da zona metropolitana de Porto, ademáis de responsables de Sogama.

O presidente provincial, Luis Menor, deu a benvida aos participantes neste encontro, onde a representación da Deputación estivo encabezada polo deputado delegado de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago Cabo e o director da Área de Medio Ambiente, Javier Bobe. Á fronte da delegación portuguesa estivo o administrador-delegado de Lipor, Fernando Leite, mentres que por parte de Sogama estivo presente o seu presidente, Javier Domínguez.

Luis Menor agradeceu á representación portuguesa a súa disposición a colaborar coa Deputación de Ourense para sentar as bases, dixo, “dun novo futuro neste eido, no que a institución provincial xestiona hoxe unha rede de 17 puntos limpos e 11 plantas de transferencia, con entre 56 e 80 municipios beneficiarios”.

Sistemas de obtención e tratamento de datos

Para lograr unha maior eficiencia deste servizo, os expertos sinalan que é necesario garantir a rastrexabilidade dos residuos, obxectivo para o que se precisa un novo sistema de obtención de datos que, debidamente analizados, axude na toma de decisións para adaptar o servizo ás necesidades reais.
Con estes obxectivos, a Deputación de Ourense puxo o foco no caso de éxito da zona metropolitana de Porto (Portugal) e máis en concreto da entidade Lipor (Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto), un modelo consolidado e maduro de xestión de residuos -non de recollida-, similar ao de Sogama, cuxas instalacións foron visitadas en xuño pasado polos técnicos da área de Medio Ambiente da institución provincial.

Desde hai anos, a entidade portuguesa ten implantados sistemas de obtención e tratamento de datos, de tal modo que cando un camión chega ás instalacións de Lipor sábese automaticamente que ten recollido ese transporte, rutas, cantidades de lixo e características do servizo realizado.

Como resultado da visita dos técnicos da Deputación, os responsables de Lipor expresaron a súa disposición a colaborar e aportar os seus coñecementos. Xurdiu así a iniciativa de organizar este encontro de traballo, que comezou esta mañá cunha xornada técnica e continuará esta tarde e mañá martes con visitas aos centros deste servizo dependentes da Deputación, onde recompilarase información que teña en conta as peculiaridades do rural ourensán co futuro obxectivo de optimizar a xestión e tratamento dos residuos na provincia.

Colaboración de Sogama

En paralelo, Sogama colaborará coa Deputación de Ourense nesta iniciativa, dada a posibilidade de extrapolala a outros puntos de Galicia.

Para esta liña de traballo estudarase a sinatura dun convenio entre as partes, co fin de analizar e deseñar o mellor sistema de xestión e gobernanza de datos que garanta unha correcta rastrexabilidade dos residuos e que, á súa vez, sirva para avanzar no cumprimento dos obxectivos de recuperación e reciclaxe a nivel provincial e autonómico, conforme aos requisitos establecidos pola normativa vixente.

0.16668891906738