A Deputación de Ourense crea unha nova liña de axudas para asociacións de protección animal

OurenseXa
Cunha dotación de 50.000 euros, estas achegas teñen como obxectivo cubrir os gastos de xestión dos animais procedentes dos centros de acollida da rede provincial
protectora-animais-ourense
Protectora de animais, Ourense
23 Dec 2024

A Deputación de Ourense impulsará en 2025 unha nova liña de axudas para asociacións de protección animal, que cunha dotación de 50.000 euros terá como obxectivo cubrir gastos de xestión de animais procedentes dos centros de acollida da rede provincial.

Esta subvención, cuxas bases aprobáronse en novembro, permitirá sufragar os gastos derivados de adopcións de animais procedentes de calquera dos centros de acollida da rede provincial. Tamén se recollen outros casos, como por exemplo a acollida temporal ata o momento da adopción definitiva para aqueles animais que requiran atención ou coidados especiais. Femias paridas e as súas camadas, cachorros recollidos sen nai e acollida de gatos tamén figuran como casos subvencionables nas bases destas axudas.

As achegas, que contemplan un importe máximo de 12.500 euros por beneficiario, repartiranse en dous períodos de solicitudes: ata o 15 de xuño de 2025 e outro ata o 15 de outubro. Mentres que o primeiro está pensado para os gastos executados en 2024, cun máximo de 25.000 euros de crédito, o resto é para sufragar custes do 2025.

Un balance de ano moi positivo

O presidente da Deputación Luis Menor, destaca que estas axudas constitúen un instrumento de planificación das políticas públicas, no que atinxe o fomento de actividades de utilidade pública ou interese social.

Luis Menor fixo un balance “moi positivo” de 2024, pois este ano marcou a incorporación de novas liñas de colaboración con agrupacións,  entidades, colectivos ou centros, que “permiten atender actividades sensibles para a sociedade ourensá, ademais do recoñecemento que supón para o labor que realizan nos ámbitos da seguridade, a educación, cultura ou o coidado dos animais”.

Compre lembrar neste sentido a apertura dunha convocatoria de axudas para agrupacións voluntarios de Protección Civil, por un importe próximo a 70.000 euros para case medio cento de colectivos de voluntarios de concellos de menos de 50.000 habitantes, ademais da Mancomunidade Terras de Celanova. Un medio de colaboración económica que posibilita o seu funcionamento.

Tamén se abriu un programa de subvencións para as asociacións de pais e nais de alumnos (Anpas), con 21 axudas por valor de 15.000 euros. Están destinadas ás asociacións de centros educativos que impartan educación infantil, primaria ou ensinanzas obrigatorias.

Tamén no ámbito educativo, cinco conservatorios de música da provincia beneficiáronse das novas achegas, recibindo 200.000 euros para financiamento. O obxectivo é sufragar os gastos de funcionamento destes espazos.

 

 

0.1697039604187