A Deputación de Ourense mantén activado un amplo dispositivo para garantir a seguridade da cidadanía ante os efectos do temporal

OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, supervisou os traballos na estrada OU-0108 (Allariz-Maceda), onde as brigadas do Servizo de Vías e Obras actuaron tras o derrubo dun muro
menor-dispositivo-estradas-temporal-ourense
12 Feb 2026

A Deputación de Ourense mantén activado un amplo dispositivo humano e técnico para responder aos efectos dos temporais que afectaron a provincia nas últimas semanas. Esta mañá, o presidente provincial, Luis Menor, supervisou os traballos na estrada OU-0108 (Allariz-Maceda), onde as brigadas do Servizo de Vías e Obras interviron tras o derrubo dun muro que afectou á cuneta e provocou a inundación parcial da calzada. Durante a visita, Menor destacou que “a Deputación está onde hai un problema, con resposta inmediata e coordinada, porque garantir a mobilidade no rural é garantir igualdade e cohesión territorial”.

Antonio Carlos Sánchez Moro, xefe de conservación e explotación do Servizo de Vías e Obras, explicou que noutros puntos, como a estrada OU-0306 entre San Cristobo e Leiro, onde onte se derrubou o firme, se activará unha obra de emerxencia para restablecer a vía ao seu estado orixinal. En Xunqueira de Ambía, os equipos retiraron escombros, limpareon os sistemas de drenaxe e restableceron provisionalmente as condicións de seguridade da estrada.

Actualmente, a Deputación mantén despregadas 16 brigadas en 11 comarcas, integradas por preto de 80 profesionais, que traballan en tarefas como limpeza de cunetas, desatranco de canalizacións, estabilización de muros e reparación provisional do firme. Ademais, seis vixiantes e tres encargados percorren de maneira permanente a rede provincial para detectar incidencias non comunicadas, e seis equipos de retén están preparados para actuar de inmediato ante emerxencias sobrevidas.

“O temporal non nos permite esperar; primeiro está a seguridade dos usuarios”, subliñou Menor, quen lembrou que a institución xestiona máis de 1.850 quilómetros de estradas provinciais, moitas delas en zonas rurais especialmente sensibles á climatoloxía adversa. “A prioridade absoluta é facilitar a evacuación das augas e manter as estradas transitables en condicións de seguridade”, engadiu, facendo un chamamento á prudencia da cidadanía.

Ademais, a Deputación lembra que os intensos ventos poden provocar a caída de ramas e árbores sobre a vía pública, e solicita aos propietarios de terreos colindantes que manteñan os seus árbores en bo estado para evitar riscos adicionais.

⚙ Configurar cookies
0.083245038986206