A Deputación de Ourense pon en marcha unhas xornadas sobre identificación de pragas e enfermidades da pataca
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza unhas xornadas de identificación de pragas e enfermidades da pataca, no marco das accións desenvolvidas polo grupo operativo "Estratexia Sustentable para a xestión integrada de enfermidades en cultivos de pataca”, financiado pola Xunta a través do programa FEADER 2023/013B, e no que participan ademais do Inorde, a Universidade de Vigo, a IXP Pataca de Galicia, a Comunidade de Regantes Lagoa de Antela e agricultores como Leonardo Rodríguez de Coristanco que forma parte deste grupo operativo.
Esta proposta trata de dar resposta ás demandas dos agricultores e almacenistas da Limia que mostraron a súa inquietude por recibir información sobre como identificar, prever e controlar a aparición de enfermidades de pragas nos campos da Limia derivadas das abundantes choivas esta primavera.
Na xornada, que terá lugar o día 7 de agosto, intervirá a docente e investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense, Laura Meno Fariñas. Esta profesional que está moi vinculada á Limia e á produción de pataca, explicará os obxectivos do grupo operativo e mostrará as experiencias e avances no campo da posta a punto de modelos produtivos que axuden a mellorar a sustentabilidade das explotacións agrícolas.
Pola súa parte, Fernando Alonso Arce, experto de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional e autor de cinco libros sobre enfermidades de pataca, realizará unha exposición en relación a identificación de enfermidades tanto a nivel teórico como en campo.
A parte teórica da xornada impartirase na Sede da Comunidade de Regantes Antela e a parte práctica na finca de ensaios Antela xestionada polo Inorde.
Os interesados en participar poden inscribirse a través do número de teléfono 988 317 949 ou do correo electrónico lab.centroagrogandeiro@inorde.com.