A Deputación destina preto de 1,2 millóns de euros para a mellora de infraestruturas en máis de vinte concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar un amplo paquete de axudas por importe de 1.194.372,75 euros para máis de vinte concellos da provincia. En total foron 34 as subvencións aprobadas para a mellora de infraestruturas, servizos e instalacións municipais, incluída a mancomunidade Terra de Celanova. Na mesma sesión, con case cen puntos na orde do día, figuraban ademais achegas por un valor superior a 132.000 euros para colaboración con entidades.
En cooperación coas entidades locais aprobouse unha axuda de 47.988,44 euros a favor do Concello de Punxín para a execución dunha obra no Bañiño, mentres que Cualedro contará con dúas achegas: 23.484,93 euros para reducir o consumo do alumeado público de Carzoá e 28.788,82 para a ampliación da estrada das Estivadas.
Tamén se destinarán 3.000 euros para o proxecto técnico e dirección da obra de rehabilitación do firme da estrada Terroso-Soutocovo en Vilardevós, ademais de 45.000 euros para a execución dos traballos. O mesmo Concello tamén disporá de 37.400 euros para a pavimentación do núcleo de Soutochao e outros 2.600 para o proxecto técnico e dirección desta obra. Vilardevós recibirá dúas subvencións máis: 17.900 euros para pavimentar o camiño da Fonteiña e 2.100 para o proxecto técnico e dirección da obra.
Pereiro de Aguiar recibirá 6.000 euros para o mantemento de campos de fútbol e outros 49.999,64 para mellora de camiños municipais. Amoeiro contará con 60.000 euros para traballos de asfaltado na parroquia de Rouzós e o Concello de Avión con 59.999,98 euros para a mellora da estrada de Cernadas.
Muíños tamén terá unha axuda de 6.000 euros para mantemento de campos de fútbol, ademais de 35.050,94 euros para a mellora do acceso ao núcleo do Barrio de Muíños e o santuario da Virxe da Clamadoira, e outros 29.870 para a urbanización do contorno do novo centro de saúde.
A orde do día incluía ademais unha achega de 70.000 euros para o cofinanciamento do proxecto de rehabilitación do entorno do BIC de O Castro, no Barco de Valdeorras; 60.000 euros para a construción dun velorio en Beariz; 50.000 euros para a mellora de camiños en Randín, Castelaus e Serois, en Calvos de Randín; e 20.000 euros para a reparación do local social de Nogueiró, en Cartelle.
Cofinanciamento de investimentos e viarios
No mesmo capítulo aprobáronse tamén as seguintes axudas: 57.000 euros para cofinanciar proxectos de investimento en Castrelo de Miño; 35.000 para arranxos na rede viaria municipal de Castro Caldelas; 14.990 euros para o forno de Forcadas en Chandrexa de Queixa; 4.500 para a rehabilitación dun local multiusos no Irixo; 35.000 para a mellora da rúa do Forno de Bousés, en Oímbra; e 20.000 para pavimentación de viarios municipais en Paderne de Allariz.
A lista de achegas continúa con 30.000 euros para a rehabilitación dunha glorieta na N-525, no Concello de Piñor; 50.000 euros para reparacións na Casa do Concello de Quintela de Leirado; tamén co mesmo obxecto 21.175 euros para o consistorio de Sarreaus, e 38.825 máis para a reparación de camiños no mesmo concello; 62.700 para cofinanciamento de proxectos en Riós; 70.000 para o asfaltado da estrada de Vences, en Verín.
Aprobouse tamén unha axuda de 50.000 para unha pista descuberta de pádel en Xunqueira de Espadanedo e 50.000 euros para gastos de funcionamento da mancomunidade Terra de Celanova.
Plan CooperOU
Tamén no apartado de cooperación cos concellos aprobouse outro amplo paquete de modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais –Plan CooperOU- do vixente exercicio, modificacións referidas as actuacións en 49 concellos da provincia.
Colaboración con entidades
En colaboración con entidades, deuse o visto bo a unha subvención de 43.460,35 euros para a asociación Castro da Santa Lucía-Freas, de Castrelo de Miño, para melloras da sede deste colectivo; 18.000 euros á Fundación Insua dos Poetas para gastos de organización da Festa da Palabra 2024; e 10.000 euros á Asociación Cultural Pen Club de Galicia para gastos de funcionamento e actividades.
A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) disporá de 40.000 para gastos de funcionamento e proxectos; a Federación Galega de Baloncesto recibirá 15.000 euros para a Copa Deputación; e o Club Deportivo Velle contará con 6.000 para actividades.