A Deputación destinará 100.0000 euros para a loita contra incendios en doce concellos da provincia

OurenseXa
Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Beariz, Ribadavia, Os Blancos, O Barco de Valdeorras, Laza e as Mancomunidades de Terras de Celanova e Verín son as entidades locais e supramunicipais beneficiarias destas achegas
incendio-San-Cibrao-das-Viñas
29 Apr 2025

O presidente da Deputación, Luis Menor, compareceu este luns para dar conta do contido da Xunta de Goberno desta semana. Sinalou que a institución provincial deu “un paso fundamental para a loita contra os incendios forestais na nosa provincia”, facéndoo “do mellor xeito posible: da man da cooperación institucional, coa Xunta por unha banda, e cos concellos pola outra”. Así, explicou que foron aprobadas 12 subvencións, por importe de 1,2 millóns de euros, para fomento e mantemento da contorna agroforestal mediante a dotación de medios técnicos como tractores, rozadoras e apeiros rozadoiros de arrastre e de brazo.

Os concellos de Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Beariz, Ribadavia, Os Blancos, O Barco de Valdeorras, Laza e as Mancomunidades de Terras de Celanova e Verín son as entidades locais e supramunicipais beneficiarias destas achegas, que suman un importe total de 1.200.000 euros. “Este importantísimo apoio ás mancomunidades e aos concellos responde a un obxectivo que non é outro que a defensa e a conservación do noso medio”, dixo Luis Menor, vinculándoo á sinatura dun “convenio pioneiro” coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Explicou Menor que este programa piloto de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Consellería de Medio Rural tamén inclúe a creación de brigadas para a loita contra os lumes nas mancomunidades de Verín, O Carballiño, Terras de Celanova e Ribeiro; así como maquinaria que foi presentada no mes de marzo; a adquisición de tractores e rozadoiras aprobadas hoxe e, como último pero non menos importante punto, a formación do persoal que empregará a maquinaria.

Neste senso, o presidente provincial quixo recalcar que “a Deputación de Ourense foi a primeira deputación de Galicia en demostrar que para loitar contra a praga dos lumes é precisa e imprescindible a colaboración institucional”, lembrando tamén que a Deputación de Ourense é a deputación galega que máis convenios ten asinado coa Xunta de Galicia.
Outras axudas á cooperación

Menor anunciou tamén a probación de 8 axudas á cooperación cos municipios de Trasmiras, Celanova, Entrimo, O Irixo, Melón, Nogueira de Ramuín e A Peroxa, así como dúas modificacións dunha axuda anterior a Cortegada e do Plan CooperOU por petición do concello da Peroxa.

“En total, 192.713,79 euros mobilizados esta semana para axudar a municipios da provincia”, sinalou o presidente provincial, quen relatou que no que vai de ano, “nas Xuntas de Goberno deste 2025, levamos destinado un total de 5.221.326,66 euros en cooperar cos concellos, así como 2.026.295,14 euros en axudar a diferentes entidades sociais, culturais, deportivas ou empresariais”, avanzando ademáis que esta tendencia seguirá neste camiño, “porque a cooperación é a gran razón de ser desta Deputación de Ourense”.

Copas Deputación 2025

Luis Menor tamén anunciou a resolución en Xunta de Goberno do concurso para a concesión de subvencións para as Copas Deputación 2025.

En total, destínanse 89.470 euros para a celebración destas competicións deportivas nas seguintes disciplinas: patinaxe artística, escalada bloque, pitch and putt, hípica-velocidade, tiro olímpico, taekwondo, BTT, hípica-doma clásica, esquí náutico, halterofilia, natación, acuatlón, natación artística, vela, volei praia, bádminton, salvamento acuático, tenis, pinckleball, boxeo, voleibol, kung-fu, atletismo, balonmán,. Hóckey herba, judo, wushu, kickboxing, loita olímpica, ximnasia, mini DH urbán, pumptrack e golf.

Subvencións para ecoaloxamentos

O último punto sobre a Xunta de Goberno foi o das bases reguladoras para a concesión, por concorrencia competitiva, de subvencións (dotadas con 212.000,00 euros). para a construción ou instalación de ecoaloxamentos, en municipios, con oferta reducida ou inexistente de infraestrutura turística, que conforman a área de intervención do Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Colle Velocidade, Vilas Históricas e Termais, da provincia de Ourense, integrada polos seguintes municipios: A Arnoia, Bande, Boborás, Baños de Molgas, Cortegada, Cenlle, Castrelo de Miño, O Carballiño, Leiro, Lobios, Monterrei, Muíños, Punxín, Ribadavia, Verín, Allariz e Castro Caldelas, concellos aos que vai dirixida esta convocatoria. Os solicitantes poderán obter ata un máximo de dúas axudas (unha por municipio), cun máximo de 40.000 euros na súa contía.

Este Plan de Sustentabilidade Turística de Ourense está no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia, financiado pola Unión Europea, NextGeneration EU, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, que xestiona a Deputación a través do Inorde. “Outro exemplo máis da productividade en materia de cooperación institucional que sempre levamos por bandeira nesta institución provincial”, concluiu Luis Menor.

⚙ Configurar cookies
0.1306529045105