A Deputación e Proxecto Arraigo poñen en marcha un plan para loitar contra o despoboamento

A Deputación de Ourense puxo en marcha unha nova estratexia para combater o reto demográfico na provincia. A iniciativa, desenvolvida en colaboración con Proxecto Arraigo, entidade de referencia en procesos de repoboación sostible, aposta por atraer novas familias ao rural e favorecer a súa integración social.
Na súa primeira fase, o proxecto inclúe a elaboración dun estudo que servirá de base para deseñar unha estratexia provincial de recuperación directa de poboación. O obxectivo é captar familias dispostas a establecerse nos municipios ourensáns e a implicarse na vida comunitaria do lugar de destino.
Os concellos que queiran sumarse xa poden adherirse á iniciativa e participar nas sesións informativas que se desenvolverán en diferentes comarcas. As datas e lugares destes encontros anunciaranse nas próximas semanas.
A metodoloxía de Proxecto Arraigo baséase na conexión directa entre pobos que buscan revitalizarse e familias que desexan iniciar un proxecto de vida estable no rural. Este acompañamento, sinala a Deputación, permite xerar valor engadido no territorio e reforzar a cohesión social.
A institución provincial subliña que esta colaboración “reforza a folla de ruta en materia de desenvolvemento rural”, ao incorporar un modelo contrastado e recoñecido polo seu impacto social, económico e humano.
Con experiencia en máis de 600 pobos de distintas rexións de España, Proxecto Arraigo leva acompañadas xa a máis de 3.000 persoas no seu proceso de instalación no rural.