A Deputación entrega o XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, promovido pola Deputación de Ourense, acordou conceder o galardón honorífico á traxectoria profesional á xornalista ourensá Fernanda Tabarés Domínguez, “como figura indispensable do xornalismo galego contemporáneo”, destacando o seu traballo rigoroso, comprometido e sempre apegado aos principios deontolóxicos da profesión, “contribuíndo decisivamente á excelencia e á dignificación da comunicación en Galicia”. O fallo destaca que Fernanda Tabarés tamén fixo visible “o papel fundamental das mulleres na comunicación, nun compromiso que transcende o profesional para converterse tamén en motor de cambio social”.
Mellor traballo xornalístico
Na edición de 2025 deste galardón, o xurado premiou como mellor traballo xornalístico, dotado con 4.000 euros, o programa realizado polo ourensán Alfonso Cid González, emitido en Radio Liverdade e no que narra a historia de Obdulia Díaz Picouto e a súa filla, Lola Nóvoa Díaz, que ao longo de 38 anos axudaron a través dunha rede de solidariedade a máis de 200 crianzas no casco vello de Ourense, a maioría fillos de prostitutas. O fallo destaca que o espazo radiofónico transmite con rigor e emoción a magnitude do labor destas figuras, que foron quen de ofrecer a oportunidade de recuperar a dignidade aos menores.
Accésit
O accésit ao segundo mellor traballo valorado, dotado con 1.000 euros, foi para o equipo integrado pola reporteira Úrsula Lorenzo Rubial e o cámara Andrés Vilela Aneiros, autores dunha reportaxe emitida en Antena 3 Noticias sobre o día dunha enfermeira no rural galego. Ademais da alta calidade de imaxe e correcto ton de voz na locución, o xurado sinala que a peza televisiva “contén información actual que ofrece de forma precisa e concisa”. Engade a acta que “transmite veracidade e ofrece unha nova visión sobre os profesionais sanitarios da provincia de Ourense, que poñen en valor a calidade humana da sociedade”.
O xurado do XXXIV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo estivo presidido polo vicepresidente 2º da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e como vogais Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Emma Torres, decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; Abelardo Vázquez, en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia; e Camila Riquelme-Brevis pola Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), actuando como secretario o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.
O premio será entregado no transcurso dun acto que organizará proximamente a Deputación de Ourense e que será oportunamente comunicado.
Notas biográficas dos premiados
Fernanda Tabarés Domínguez (Ourense, 1968), licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, empezou a súa carreira profesional na delegación de La Voz de Galicia en Ourense. Foi delegada deste xornal no Ribeiro-O Carballiño e en Vigo e xefa de Sociedade e Cultura; xefa de Sociedade e Cultura en Diario 16; directora de V Televisión e directora e presentadora do programa Vía V; premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora. Nestes momentos dirixe a productora Voz Audiovisual, dende a que foi produtora executiva de series como Néboa, Viradeira, Saudade de ti, Método criminal ou A Lei de Santos e de programas como Buscadores de naufraxios, Historias de aquí ou Salvaxe, recoñocidos tamén con varios premios. En 1990 exerceu de asistente de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego da Información; profesora de Comunicación Empresarial na Universidade da Coruña e preside a sociedade Pedralonga Estudios que xestionará un complexo de platós dixitais e físicos na Cidade das TIC da Coruña, na antiga Fábrica de Armas.
Alfonso Cid González (Ourense, 1959) iniciou a súa traxectoria no mundo da comunicación a mediados dos anos 80 en Radio Ourense SER, colaborando ademais no xornal Faro de Vigo. En 1990 incorpórase á Radio Galega, ademais de traballar tamén en TVG. Colabora con La Voz de Galicia na cobertura especial da última fase do conflito pola construción do encoro do Lindoso na Baixa Limia, un tema que na súa vertente radiofónica mereceu o IV Premio Xosé Aurelio Carracedo en 1992. Tralo seu retiro en 2024 enfoca a súa vocación xornalística o relanzamento de Radio Liverdade, radio libre e comunitaria ourensá que funciona na rede dende 2017.
Úrsula Lorenzo Ruibal (Barro, Pontevedra, 1986) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a súa traxectoria na información local nas Rías Baixas. Desde 2017 é reporteira en Antena 3 Noticias na delegación de Galicia, contando a actualidade galega para toda España. Desde o rigor, cre na empatía como o mellor método para chegar ao fondo das historias, ao tempo que defende o traballo en equipo. Andrés Vilela Aneiros (Cedeira, A Coruña, 1969) estudou Imaxe e Son en Bemposta (Ourense) e Someso (A Coruña). En Antena 3 desde 1997, foi testemuña coa súa cámara de momentos relevantes e históricos en Galicia como o caso do Prestige.