A Deputación enxalza o labor das mulleres que colaboraron na extinción dos incendios de agosto no ‘8M Mes a Mes’ de setembro

OurenseXa
Noelia Conde, xefa de brigada forestal en Azureira, pon rostro ás homenaxeadas pola iniciativa da institución ourensá
noelia-conde-brigadista-incendios-ourense
8 Sep 2025

O programa “8M, Mes a Mes” da área de Igualdade da Deputación de Ourense dedica o mes de setembro a visibilizar o traballo das mulleres que estiveron en primeira liña durante a vaga de lumes que afectou a provincia este verán. Entre as recoñecidas inclúense técnicas, capataces, emisoristas, axentes, brigadistas e outras profesionais implicadas na extinción dos incendios.

“Queremos brindar unha homenaxe con perspectiva de xénero ca figura de Noelia Conde Míguez, xefa de brigada forestal en Azureira, no Distrito Forestal XII, e con orixe no Carballiño”, explican dende a área de Igualdade. A homenaxe leva o lema “O lume non entende de teitos de cristal”, que reflicte o recoñecemento á profesionalidade e compromiso destas traballadoras.

Noelia Conde, que leva varios anos exercendo como xefa de brigada, asegura que esta campaña foi especialmente intensa: “Este verán, Galicia ardeu como poucas veces na historia. Detrás de cada cifra hai rostros, bágoas, decisións urxentes e un esforzo colectivo”. A capataz defende que o liderado “non entende de xénero, senón de compromiso, preparación e empatía”.

A través desta iniciativa, a Deputación de Ourense quere agradecer a todas as persoas implicadas na extinción dos incendios o seu labor durante unha das vagas máis difíciles dos últimos anos, visibilizando a contribución das mulleres neste sector esencial.

⚙ Configurar cookies
0.16885781288147