A Deputación inicia o programa piloto de termalismo para tratar a artrose de xeonllo

OurenseXa
Trinta persoas participan na primeira quenda desta iniciativa que busca avaliar os beneficios da balneoterapia nesta patoloxía
programa-termalismo-artrosis-laias
17 Jul 2025

O balneario de Laias comezou esta semana a recibir aos 30 primeiros usuarios do programa piloto impulsado pola Deputación de Ourense, que emprega o termalismo como terapia complementaria fronte á artrose de xeonllo. A iniciativa, desenvolvida a través da Área de Benestar e en colaboración coa Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela, ten como obxectivo avaliar os beneficios da balneoterapia nesta enfermidade.

O tratamento, que se aplicará durante nove días, inclúe exercicios activos en piscina, sesións de balneación xeral, técnicas de presión como chorros e duchas circulares, así como períodos de repouso. Todo o proceso está supervisado por persoal médico especializado.

Co gallo do inicio do programa, as instalacións acolleron este mércores unha xornada técnica na que participaron representantes da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), entre eles Cristina Montalvá, directora xeral de Igualdade e Políticas Locais. Montalvá valorou o proxecto como “unha xanela de oportunidade” para outros territorios termais do Estado e salientou o papel da Deputación de Ourense como referente en políticas de termalismo social.

Tamén asistiu o alcalde de Vega de Tirados (Salamanca), Javier Calvo, concello que acollerá proximamente a asemblea anual da Sección de Vilas Termais da FEMP. Calvo definiu o programa como “un exemplo claro de como o termalismo pode contribuír ao desenvolvemento rural”.

O director da Área de Benestar, José Juan Cerdeira, subliñou que o balneario de Laias actuará durante estes días como “un laboratorio que marcará o camiño”, co obxectivo de ampliar este enfoque a outras patoloxías en futuros programas.

⚙ Configurar cookies
0.16177320480347