A Deputación mobiliza preto de 300.000 euros en axudas para concellos e fixa os prezos das Escolas Deportivas de Verán 2026

OurenseXa
Entre as axudas aos concellos contémplanse 30.000 euros para o Concello da Merca para melloras da eficiencia enerxética e 19.999 para a pavimentación do acceso a Vendas, en Padrenda
xunta-de-goberno-dep-ourense
23 Feb 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe un paquete de 10 subvencións por valor de 288.647,87 euros destinadas a financiar proxectos de infraestrutura e servizos municipais en distintos concellos da provincia. As achegas permitirán realizar obras en estradas, melloras en centros de saúde e espazos públicos, así como proxectos de eficiencia enerxética.

Entre os concellos beneficiados, o de Carballeda de Avia recibirá case 96.000 euros repartidos en tres axudas: 39.275 euros para a substitución da cubrición do centro de saúde, 45.477,85 euros para a rehabilitación do tellado da Casa do Concello e 11.252,03 euros para a instalación de autoconsumo colectivo da comunidade enerxética local. O Concello da Merca percibirá 60.000 euros para melloras de eficiencia enerxética en varios núcleos.

Outros concellos recibirán partidas para acondicionamento de camiños e espazos públicos. Así, Bande contará con 34.000 euros para os núcleos de Calvos, Sarreaus e Seoane; Muíños percibirá 20.000 euros para melloras en Xermade, Porqueirós e Pazos; Padrenda 19.999,99 euros para a pavimentación do acceso en Vendas; Viana do Bolo 12.600 euros para obras de ocultación de colectores; e Vilardevós 46.043 euros para a reforma do parque infantil e área recreativa de Florderrei e reparacións de pavimentación en A Trave.

No ámbito deportivo, a Deputación fixou os prezos para as Escolas de Verán Deportivas 2026, que se desenvolverán do 6 ao 31 de xullo no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. A iniciativa, orientada a facilitar a conciliación familiar e laboral e fomentar os valores do deporte, contará con un máximo de 320 participantes. A tarifa para a modalidade “Escola Básica”, que inclúe acollemento matinal e actividades ata as 14:00 horas, será de 30 euros por semana, mantendo o prezo dos últimos anos. O programa aplicará unha bonificación xeral do 39,28% por razóns sociais e de interese público. Toda a información estará dispoñible na sede electrónica da Deputación e en www.pazopacopaz.es.

0.090306997299194