A Editorial Galaxia recibe o Premio Trasalba 2025 no seu 75 aniversario

A Editorial Galaxia foi recoñecida este fin de semana co Premio Trasalba 2025, un galardón que entrega a Fundación Otero Pedrayo e que este ano cobra un significado especial ao coincidir co 75 aniversario da editorial, fundada e presidida no seu día por Ramón Otero Pedrayo.
O acto de entrega, celebrado tras a reunión do padroado da Fundación no Centro de Estudos Oterianos, contou coa actuación da banda de gaitas de Amoeiro e estivo amenizado pola cantante María do Ceo. Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, deu a benvida aos asistentes, mentres que Víctor F. Freixanes encargouse da laudatio á editorial. Posteriormente, Xesús Alonso Montero presentou o libro ‘Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia’.
O presidente de honra da Fundación, Henrique Monteagudo, entregou o álbum fotográfico do Premio Trasalba 2024 a Maribel Outeiriño, homenaxeada na edición anterior, mentres que o actual presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal Andión, recolleu a estatuíña do galardón das mans do presidente da Fundación e do parlamentario Miguel Ángel Santalices.
Ao acto asistiron, entre outros, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, que destacaron a traxectoria da editorial como referente na promoción da lingua e cultura galegas.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a traxectoria do selo editorial, que cualifica como “piar fundamental na transmisión, promoción e difusión da nosa lingua e cultura” e que este ano celebra 75 anos da súa fundación. Otero Pedrayo tivo unha estreita relación co proxecto, xa que foi o primeiro presidente da editorial, cargo que ostentou desde 1950 ata o seu pasamento en 1976.
Previo á entrega de galardóns, o representante da Xunta participou na reunión do padroado da Fundación Otero Pedrayo, na que se deron conta das actividades realizadas durante o último ano e dos proxectos en marcha, entre os que destacan a Revista Trasalba, o campus rural ou a catalogación de obras pictóricas.