A Escola de Gaitas presenta en Barcelona a exposición “Cornamusas primitivas: Historia da Civilización”
O vindeiro domingo, 10 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Gaita, a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense presentará en Barcelona a exposición titulada "Cornamusas primitivas: Historia da Civilización" composta por instrumentos procedentes da Península Ibérica, Francia, Italia, Suecia, Xeorxia, Romanía, Croacia, Tunes, Irán, República de Marí EL (Rusia), Illas Gregas, India, Turquía, Malta e Ucraína.
Con motivo desta exposición, que se poderá ver no local social da Escola de Gaitas Toxos e Xestas da cidade condal, o director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo, desprazarase ata Barcelona para impartir a conferencia inaugural. Este proxecto abarca a dobre vertente do Museo Internacional de Cornamusas: presencial e online, ofrecendo unha visión ampla do mesmo e converténdoo nun centro de referencia no mundo da gaita a nivel internacional.
A exposición "Cornamusas primitivas: Historia da Civilización" ofrece unha variedade fascinante de formas de gaita, desde a escultura en roca en Taq-i-Bostan (Kermanshah, s. VI d.C.) en Persia (actual Irán) ata a xirolarrúa (País Vasco), inspirada nas portadas de catedrais peninsulares (s. XIII), dispersas por Europa, Asia e o norte de África. Cada pobo e cultura deixa a súa marca distintiva neste instrumento, cuxo son se converte nun distintivo do alma da cultura que o abraza, sendo empregado dende as celebracións de vodas persas ata contextos militares.
As vinte gaitas que compoñen a mostra representan un valioso documento lingüístico, filolóxico e musical que ofrece unha ollada retrospectiva á historia da civilización, ilustrando a diversidade cultural que nos precede.