A exposición "Invisibles. Mulleres diversas e belezas sen filtros" xa pode visitarse no Edificio de Ferro

OurenseXa
A exposicición, que poderá visitarse ata o 8 de maio, reivindica as “mulleres diversas e belezas sen filtros”
expo_mulleres_sin_filtros_campus_de_ourense
Exposición
16 Abr 2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este luns a inauguración da exposición Invisibles. Mulleres diversas e belezas sen filtros, desenvolvida no Centro para Persoas con Discapacidade Física DomusVi Bóveda. Nela, a través do retrato de 14 usuarias deste centro, quérese “visibilizar corpos diversos para rachar co canon de beleza establecido e reivindicar que a beleza está en todas partes”.

Trátase dunha iniciativa da educadora social Carmen Vázquez e da terapeuta ocupacional Carolina Cotón, autora das fotografías. Segundo explicaron na súa presentación, naceu como un proxecto paralelo á tamén exposición fotográfica Inmarcesibles, do Concello de Sober, sobre a beleza real feminina. A mostra no campus está coordinada por Francisco Aguiar e Mónica López e poderá verse ata o día 8 de maio no cuarto andar do Edificio de Ferro. Na súa inauguración, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, salientou a satisfacción do centro por acoller esta mostra xa que, recalcou, “somos unha facultade que cremos moito nas persoas diversas e en que todos, sendo diferentes, temos moito que achegar a esta sociedade”. Así, salientou a importancia de visibilizar esta diversidade con mostras como a presentada este luns e “facer unha sociedade máis xusta e que crea máis nas persoas que a forman”.

Do mesmo xeito, Fernando Prada, director do DomusVi Bóveda, agradeceu a acollida da iniciativa no campus, felicitou ás participantes “por mostrarse como son” e recalcou a idea de que “hai que pór a atención nas capacidades das persoas e non nas súas discapacidades”. Protagonizar Invisibles, indicaron as promotoras da iniciativa, permitiulle ás mulleres participantes facerse “visibles” e empoderarse no proceso. En total, son 14 as mulleres que protagonizan as imaxes e que escolleron como querían ser retratadas. O acto celebrado este luns no campus contou coa asistencia de parte destas mulleres, que coincidiron en destacar o seu orgullo por ter participado neste proxecto e terse amosado tal e como son.

0.20960283279419