A Facultade de Traballo Social acolle a exposición "Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional"

OurenseXa
A exposición poderá visitarse no Edificio de Ferro do Campus de Ourense
FLORA_exposicion
7 Mar 2024

O edificio de Ferro do campus de Ourense acolle a exposición Flora, ou a Educación dunha nena na sociedade tradicional, coorganizada pola Concellería de Educación do Concello de Ourense e a Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, no marco do 8-M, Día Internacional das Mulleres 2024.

A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu á inauguración da mostra que estará aberta no primeiro andar do edificio de Ferro durante os meses de marzo e abril para o público en xeral e recibirá tamén visitas de grupos de escolares dos centros educativos da cidade, comezando co alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Manuel Sueiro.

Flora, ou a educación dunha nena na sociedade tradicional recolle documentos orixinais e reflexións sobre o que foi a formación da muller na sociedade tradicional, particularmente no franquismo; unha educación que transmitía unha imaxe baseada na diferenciación e exclusión, características do sistema educativo durante o século XIX e boa parte do XX. Móstranse libros de texto e material escolar, que orientaron a educación da muller no pasado, unha realidade ben distinta das expectativas de igualdade que reivindican as novas políticas de xénero.

A exposición estrutúrase en seis seccións que mostran as distintas facetas da educación da muller tradicional fomentadas pola escola:

  1. A muller adscrita ao fogar e á maternidade.
  2. A formación na economía doméstica.
  3. A costura e o bordado.
  4. As regras de urbanidade.
  5. O comportamento feminino, circunscrito ás diferentes clases sociais.
  6. Modelos de muller exemplar que lles son transmitidos ás nenas a través da lectura e da escritura

A exposición chega a Ourense despois da súa mostra nas sedes das entidades promotoras: o CEINCE (Centro Internacional de Cultura Escolar) de Berlanga de Duero e o Centro de Investigación MANES, da UNED, que cumpre 30 anos no estudo da historia dos manuais escolares.

0.13894200325012