A FP de Ourense amosará os seus proxectos punteiros no Congreso FP Innova 2025

Preto de 11.000 persoas descubrirán esta semana os proxectos punteiros do alumnado de Formación Profesional de 35 centros de toda Galicia na sétima edición do Congreso FP Innova Galicia 2025, que se celebrará entre os días 26 e 28 de marzo na Cidade da Cultura.
Nos 4.100m² dedicados á zona expositiva, os visitantes poderán coñecer de primeira man preto de 60 iniciativas de centros de toda Galicia, tanto de innovación, que abranguen as tecnoloxías máis avanzadas dos distintos sectores produtivos, como de emprendemento, postos en marcha ao abeiro do Plan Eduemprende.
Están xa inscritos como visitantes máis de 10.000 alumnos de 218 centros, dos últimos cursos de Primaria, ESO e Bacharelato e FP, que poderán participar activamente nunha quincena de obradoiros sobre biotecnoloxía, creación de contidos mediante intelixencia artificial, robótica, videoxogos, realidade virtual e aumentada e impresión 3D, entre outros. O obxectivo é que poidan experimentar en primeira persoa coas novas tecnoloxías e as innovacións nos distintos ámbitos da Formación Profesional e poidan coñecer as posibilidades que esta lles ofrece.
O programa de FP Innova Galicia 2025 complétase con exemplos de realidade virtual aplicada á FP, onde os visitantes poderán probar distintos simuladores inmersivos relacionados coas distintas especialidades destas ensinanzas. A orientación profesional xogará, ademais, un papel destacado, xa que os asistentes poderán interactuar co orientador profesional virtual OPI Orienta, realizando consultas sobre os estudantes e relacionándose co seu holograma entrenado con IA.
Os centros ourensáns expoñen os seus traballos innovadores
No sector de hostalería destaca o proxecto Receptrónica, do CIFP de Vilamarín, unha recepción intelixente para establecementos turísticos que integra realidade estendida, intelixencia artificial e robótica para mellorar a experiencia da clientela e optimizar o traballo do persoal, facilitando procesos habituais e permitindo explorar servizos e recursos turísticos antes da súa vivencia.
Pola súa conta, o CIFP Portovello presentará o seu proxecto Floutin City, no que se crea unha flota de patinetes eléctricos que fomenta o transporte público sustentable.
Participa tamén o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, cun Simulador de cabina de seguridade biolóxica e que participará tamén en diversos obradorios.