A Fundación Curros Enríquez recoñece a fidelidade dos centros escolares que repiten visita a Celanova

A Fundación Curros Enríquez continúa a consolidarse como un referente cultural e educativo en Galicia grazas ao seu programa de visitas escolares centrado na figura dos escritores locais e no patrimonio de Celanova. Durante os meses de febreiro a xuño, a Casa dos Poetas acolle a numerosos grupos de escolares de toda Galicia que participan no itinerario “Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio”.
Este programa combina visitas á Casa dos Poetas, ao Mosteiro de San Rosendo, a Vilanova dos Infantes e ao castro de Castromao, cun percorrido urbano guiado pola poesía dos autores celanoveses. Ata o momento, neste curso xa confirmaron a súa asistencia 51 centros educativos, o que supón unha media anual que rolda os 2.000 estudantes procedentes de diferentes puntos da comunidade.
Como mostra de agradecemento pola súa continuidade no programa, a Fundación entrega un certificado de recoñecemento aos centros que repiten visita cada cinco anos desde a apertura da Casa dos Poetas en 2006. Esta semana foi a quenda do IES Monte Carrasco de Cangas, que recibiu o agasallo na súa quinta visita. Outros centros que tamén serán recoñecidos este ano son o IES Alexandre Bóveda e o IES de Teis, ambos de Vigo, o IES Val do Tea de Ponteareas e o IES Moncho Valcárcel das Pontes.
Ademais, a Fundación quixo celebrar as visitas máis longas coa entrega de detalles especiais. Así, o CPI A Xunqueira de Fene e o Colexio Divina Pastora do Barco de Valdeorras foron agasallados cunha torta decorada co retrato de Manuel Curros Enríquez polo seu décimo aniversario de participación. Pola súa parte, o IES A Paralaia de Moaña, que xa leva 15 visitas realizadas, desfrutou dunha xornada de actividades de balde como mostra de agradecemento.
No presente curso tamén se incorporan novos centros ao programa. É o caso do CEIP Xoán de Requeixo de Chantada, que realizou a súa primeira visita este 15 de maio, sumándose aos xa atendidos IES Poeta Añón de Outes, CPI do Feal de Narón e IES Monte da Vila do Grove.
Con estas incorporacións, xa son 300 os centros educativos galegos que, en algún momento, participaron neste programa que busca achegar o patrimonio literario e cultural de Celanova ao alumnado de toda Galicia.