A Fundación Vicente Risco prepara unha mostra para conmemorar o centenario de Virxilio

OurenseXa
A Fundación Vicente Risco conserva preto dun cento de obras do artista ourensán, pertencente á xeración dos ‘artistiñas’ bautizados por Vicente Risco e un dos primeiros padroeiros da Fundación
retrato-risco-virxilio
'Retrato de Risco', Virxilio, fondos da Fundación Curros Enríquez
21 Mar 2025

Este 21 de marzo, Ourense conmemora o aniversario do nacemento de Virxilio (1925-2011), un destacado artista plástico, pertencente á xeración dos ‘artistiñas’ bautizados por Vicente Risco, un grupo que buscou a renovación da escena artística galega no século pasado.

Virxilio, que comezou a súa traxectoria formándose na Escola de Artes e Oficios de Ourense, trasladouse en 1957 a París para formarse na École Nationale Supérieure des Beaux-Arts. Tras esta etapa, Alemania foi o país no que o ourensán colleitou máis éxito, levando as súas obras a localidades como Bonn, Berlín e Frankfurt.

A súa obra caracterízase por unha estética que combina a simplicidade formal cunha paleta de cores vibrantes, e hoxe é un símbolo da cultura pictórica non só da provincia, senón de toda Galicia.

Boa conta dela garda a Fundación Vicente Risco de Allariz, que explica que o “intelectual da pintura”, como o definiu o seu amigo Ferrín, chegou á Fundación Risco ao redor de 1995 como padroeiro da man de Ruco Lezcano e Antón, entre outros. “Non se deu moito a ver nas reunións do padroado, pois sempre andaba de viaxe por Francia, Italia, Alemaña, etc., mais a súa presenza non pasaba desapercibida”, sinalan desde a Fundación.

Agora, do grupo dos “sete artistiñas” (Quessada, De Dios, Baltar, Buciños, Pousa e Acisclo) só queda entre os padroeiros da Fundación o seu amigo Acisclo. “E que sexa por moito tempo”, din os membros do padroado nun texto conmemorativo.

“Discípulo de Luis Xesta a comezos dos cincuenta na Escola de Artes e Oficios, completa a súa formación en París e, posteriormente, en Milán, Berlín e outros escenarios. Sen dúbida, inclúese entre os poucos pintores recoñecibles, aínda que as súas obras carecesen de sinatura, ao lado, por citar a alguén, de O Greco, Van Gogh ou Mondrian. Galaico e popular, déixase contaminar polas novas tendencias naif, fauves e expresionistas nas súas múltiples manifestacións artísticas: debuxo, pintura, cartelismo, ilustración, serigrafía, etc., onde a liña grosa e as áreas de cores planas e luminosas enchen o espazo sobre un debuxo limpo e harmonioso”.

A Fundación Risco, sinalan, conserva como un dos seus maiores tesouros preto dun cento de obras, moitas delas “obra menor”, segundo a catalogación ao uso, e ten a intención de amosalas publicamente en breve nunha exposición que se está xestando, cumprindo así cun dos seus obxectivos fundamentais.

Por “artistiña”, por padroeiro, por amigo dos Risco e compañía, e polo centenario do seu nacemento, cren “que a iniciativa ben paga a pena e así devolverlle minimamente algo do moito que nos aportou. Ogallá que os amantes da arte, neste mundo convulso no que algúns non lles deixan aos museos máis saída que a hostalaría, poidan reconciliarse co pasado e o futuro á marxe de tanta especulación economicista”, lembra a Fundación Vicente Risco.

⚙ Configurar cookies
0.75695705413818