A Galiña Azul de Pereiro de Aguiar iniciou o curso con preto de 50 nenos e nenas matriculados

O alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, visitou esta semana a Escola Infantil “A Galiña Azul”, que este ano acollerá preto de 50 nenos e nenas matriculados, mantendo así unha elevada taxa de escolarización que reflicte a confianza das familias na calidade do servizo educativo.
Durante a visita, Menor destacou as melloras realizadas nas instalacións, grazas á colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, cun investimento próximo aos 20.000 euros, que se suman ás actuacións acometidas en anos anteriores. “Grazas a este esforzo conxunto, o centro conta hoxe con instalacións modernas, funcionais e adaptadas ás necesidades da infancia”, subliñou o rexedor.
O alcalde tamén quixo poñer en valor a aposta do Concello e da Xunta de Galicia pola educación infantil pública e de calidade, así como o compromiso do persoal da escola. “Cada día traballan con ilusión e profesionalidade para ofrecer un servizo educativo de excelencia”, afirmou Menor.
Finalmente, sinalou que o obxectivo é continuar coas melloras e consolidar a escola como un referente na provincia, mantendo unha matrícula elevada e un proxecto educativo dinámico e innovador.