A MITEU pechou a súa 30ª edición con arredor de 4.000 asistentes

OurenseXa
O grupo universitario Maricastaña do campus de Ourense puxo o broche de ouro a unha edición de éxito que contou con 19 espectáculos entre teatro de sala, representacións de rúa, música e danza
miteu-2025
MITEU 2025
12 May 2025

A XXX Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) concluíu este sábado pola noite cunha gala de clausura que deixou un balance moi positivo: arredor de 4.000 persoas asistiron ás distintas funcións, superando amplamente as cifras de anos anteriores. Un dos momentos máis emotivos do acto foi a entrega do premio Miteu 2025 ao alumnado que, ao longo de máis de tres décadas, formou parte da aula de teatro do campus de Ourense.

A mostra, dirixida por Fernando Dacosta desde Sarabela Teatro, celebrouse entre o 23 de abril e o 10 de maio. A programación incluíu 19 espectáculos entre teatro de sala, representacións de rúa, música e danza, xunto con actividades paralelas como coloquios, encontros, un obradoiro e unha exposición. Participaron máis de 210 persoas pertencentes a 13 grupos universitarios —entre eles os dos catro campus galegos— e seis compañías profesionais. Ademais de España, houbo representación internacional con propostas chegadas desde México, Portugal, Dinamarca, Guinea Ecuatorial e Gambia.

A Universidade de Vigo tivo un papel especialmente destacado, tanto no plano organizativo e financeiro —xunto coa Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Teatro Principal, o Liceo e Cervexas Esmorga— como na programación artística. As súas catro aulas de teatro universitario participaron activamente, así como os grupos de danza, música tradicional e coro do campus de Ourense.

Desde a organización sublíñase que esta trixésima edición destacou non só pola alta calidade dos espectáculos, senón tamén pola excelente resposta do público, cunha media de máis de 200 persoas por función. “Quedan moitos momentos gravados na memoria e no maxín”, apuntan, nunha edición especialmente simbólica pola conmemoración dos 30 anos de vida da Miteu. Nestes tres decenios, Ourense acolleu grupos procedentes de 49 países dos cinco continentes, con preto de 6.000 artistas e máis de 175.000 espectadoras e espectadores.

A gala final, celebrada no Teatro Principal, contou coa presenza do vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez. Durante o acto, recoñeceuse a todas as persoas que pasaron pola aula de teatro do campus desde a súa creación no ano 1991. Calcúlase que participaron preto de mil estudantes ao longo destes 34 anos, moitos deles hoxe profesionais do audiovisual e da escena galega, pero tamén persoas apaixonadas e coñecedoras do teatro. José María Gómez e Sonia Ferro, integrantes da primeira promoción da aula, recolleron simbolicamente o galardón en representación de todas e todos.

Como peche a esta edición conmemorativa, a aula de teatro Maricastaña representou a obra Ludovico 2.5, escrita e dirixida por Fernando Dacosta e inspirada libremente en A laranxa mecánica de Anthony Burgess. Esta sátira sobre a violencia nunha sociedade narcotizada ofreceu ao público unha intensa reflexión escénica que puxo fin á mostra con forza e compromiso artístico.

⚙ Configurar cookies
0.17374897003174