Celanova acolle unha mostra do artista chantadino Enrique López Osorio

A Casa dos Poetas, da Fundación Curros Enríquez de Celanova, acollerá un mes máis, ata o 17 de abril, a exposición de escultura "Hombre de Caminos" de Eduardo Rodríguez Osorio (Chantada-Lugo, 1920 – Madrid, 1995).
Esta exposición está composta por unha colección de 25 esculturas en diferentes formatos —bronce, pedra e madeira— pertencentes a toda a súa etapa creativa, caracterizada por un traballo constante e de perfeccionamento dentro do seu sentimento pola arte. A súa obra condúcenos a un mundo evocador, pois quen foi digno fillo que honrou a terra nai, Galicia, tan íntima como arcana, tan lexendaria como familiar, aúna no seu espírito a morriña dun eterno desexo de retorno voluntario á súa terra. Así, obras como "O Conto", "Vella Cismando" e "O Espantallo", e, sobre todo, as súas Maternidades, transpórtannos a unha realidade cargada de lembranzas.
Osorio foi un gran mestre do retrato; máis de cen cabezas modelaron as súas mans, algunhas das cales forman parte do fondo cultural de museos e organismos oficiais. Por iso, esta mostra complétase cun apartado de fotografía documental do escultor modelando retratos de ilustres personaxes galegos do mundo da cultura, como o busto de Celso Emilio Ferreiro (natural de Celanova), de Lauro Olmo, Dionisio Gamallo e Daniel Cortezón, que mantiveron unha estreita relación co poeta e con Celanova, entre outros. Tamén se inclúen fotografías de obras públicas como o monumento a Félix Rodríguez de la Fuente en Poza de la Sal, Burgos; á Cabra Hispánica en Gredos, Ávila; ó Perro Guía na Coruña, e outros enclavados por toda a xeografía española.