A mostra 'Toma castaña Galicia' poderá visitarse na Biblioteca Pública de Ourense ata o 30 de novembro

OurenseXa
A mostra fai un percorrido fotográfico polos 22 soutos e castaños incluídos no Catálogo de árbores senlleiras e avanza que a intención é levala ao resto de cidades galegas ao longo dos vindeiros meses
Inauguración da mostra 'Toma castaña Galicia'
17 Nov 2024

A mostra da Xunta 'Toma castaña Galicia' estará exposta ata o vindeiro día 30 de novembro na Biblioteca Pública de Ourense para ofrecer un percorrido fotográfico por algúns dos soutos e castaños máis coñecidos e destacables da comunidade.

Tras estrearse no mes de outubro na Casa de Galicia en Madrid, onde rexistrou preto dun milleiro de visitas, a mostra poderase desfrutar agora na comunidade galega, onde está previsto que percorra diferentes cidades ao longo dos próximos meses.

A primeira parada é Ourense, onde estivo hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para animar á veciñanza a aproveitar a ocasión de visitar esta exposición e coñecer de primeira man os 22 exemplares e formacións de castaños incluídos no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia e retratados a través dun conxunto de fotografías acompañadas dunha maqueta na que se recrea un souto.

Neste sentido, a responsable autonómica salientou a relevancia desta árbore en toda Galicia e, particularmente, no caso da provincia de Ourense, que destaca pola “profunda relación” que ten cos castiñeiros e os seu froitos, como unha “parte esencial da súa identidade cultural e natural”.

De feito, incidiu en que a mostra inclúe 16 instantáneas de árbores senlleiras localizadas en varios municipios ourensáns, entre as que citou o Castiñeiro de Pumbariños, localizado en Manzaneda e considerado o máis antigo de Galicia, ou o Gran Castiñeiro de Sorribas, no municipio do Irixo, e lembrou a gran cantidade de magostos e festas de exaltación da castaña que adoita acoller esta provincia en outono.

Así mesmo, a conselleira subliñou a importancia de iniciativas como Toma castaña Galicia para poñer en valor a riqueza do patrimonio natural da comunidade e dos “tesouros e reliquias botánicas” que albergan os seus bosques e vilas.

Ao respecto, subliñou que o Catálogo de árbores senlleiras de Galicia que xestiona a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está concibido como unha “ferramenta viva” para favorecer a protección e divulgación dos valores e características dos exemplares e formacións que pola súa singularidade se integran neste rexistro.

Axudas para 2025

No Catálogo de árbores senlleiras, que conta actualmente cun total de 194 elementos, son susceptibles de incluírse aqueles exemplares e formacións dignas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial consideración.

Por iso, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta convoca anualmente axudas para apoiar aos titulares das árbores e formacións senlleiras de Galicia na realización de diferentes tipos de actuacións destinadas á súa conservación, protección e mellora.

De feito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten reservados 90.000 euros para convocar o próximo ano dúas ordes de subvencións dirixidas, por un lado, a concellos ou agrupacións de entidades locais e por outro, a persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarias dunha árbore ou dunha formación incluída no catálogo.

0.55498504638672