A nova unidade de ictus do CHUO atendeu xa unha vintena de pacientes

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou este xoves a mellora asistencial lograda coa entrada en funcionamento da nova unidade de ictus do Hospital Universitario de Ourense, operativa desde o 1 de novembro e que xa atendeu unha vintena de pacientes, na súa maioría casos de ictus isquémico.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o conselleiro percorreu o novo servizo, integrado na rede sanitaria pública galega. Gómez Caamaño explicou que a apertura da unidade “requiríu duns traballos previos complexos” e subliñou que con ela a Xunta “materializa o seu compromiso cos habitantes de Ourense e, ademais, garante a equidade no acceso ao sistema sanitario, con independencia do lugar de residencia”.
Con esta incorporación, o hospital ourensán pasa a ser un dos cinco centros de Galicia dotados cun servizo específico de atención ao ictus. A unidade conta con seis camas monitorizadas, atendidas por dous neurólogos, catro profesionais de enfermaría e dous técnicos en coidados auxiliares, ademais dun neurólogo de garda localizada para urxencias neurolóxicas.
O conselleiro lembrou que os servizos diagnósticos do centro están dispoñibles de forma permanente, grazas ás gardas presenciais de neuroloxía as 24 horas, os 365 días do ano. Esta cobertura permite, en palabras de Gómez Caamaño, “unha valoración clínica máis completa”.
Durante a visita, o responsable de Sanidade felicitou á coordinadora da unidade, á supervisora de enfermaría e ao xefe do servizo de Neuroloxía, así como ao equipo que impulsa a primeira vía clínica do ictus en Ourense e aos profesionais que participan no Código Ictus da área sanitaria. Segundo destacou, grazas ao traballo destes profesionais, o hospital “deu un gran salto asistencial para converterse nun centro que ofrece a mellor asistencia sanitaria e coa máxima seguridade”.
Gómez Caamaño sinalou tamén que o avellentamento da poboación ourensá incrementa o risco de sufrir un ictus e xustificou así a necesidade de reforzar os recursos sanitarios. Neste contexto, avanzou que a Xunta traballa para que o próximo ano o Hospital de Ourense poida realizar trombectomías, evitando así o traslado de pacientes a Vigo.
O conselleiro aproveitou a visita para felicitar igualmente ao equipo de enfermaría da área cirúrxica, cuxo proxecto de preparación ao paciente para intervencións se situou entre os mellor valorados nos Premios Enfermaría en Desenvolvemento 2025.